26 de xan. de 2017

CULTURA

O novo número da revista Cuadrante aborda aspectos ata o de agora descoñecidos sobre Valle-Inclán 

O volume trixésimo terceiro da publicación inclúe documentos inéditos acerca da viaxe do escritor a México en 1921, da súa opinión sobre os foros e da orixe galega de Cristovo Colón

A Asociación de Amigos de Valle-Inclán, a Secretaría Xeral de Cultura e o Ateneo de Santiago presentan a obra esta tarde, ás 19:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal

Portada da revista

Infogauda / Santiago de Compostela

 O trixésimo terceiro volume de ‘Cuadrante. Revista Semestral de Estudos Valleinclanianos e Históricos’ bota nova luz sobre a vida e a obra de Ramón María del Valle-Inclán coa publicación de diversos aspectos biográficos ata o de agora descoñecidos acerca de episodios como a viaxe que realizou a México en 1921, convidado polo gobernador do Estado.
 O novo número da publicación abre cun estudo de Xaquín del Valle-Inclán, presidente da Asociación de Amigos de Valle-Inclán e neto do escritor, xunto cunha achega documental de textos inéditos e semi-inéditos sobre a referida viaxe, así como acerca doutros aspectos, entre os que destacan a opinión do autor sobre o contrato foral agrario galego –un dos temas máis debatidos da historiografía galega nos séculos XIX e XX–, e a tese de que Cristovo Colón era de orixe galega, amplamente defendida na Pontevedra decimonónica.

 Valle-Inclán no contexto do teatro universal

 A Asociación de Amigos de Valle-Inclán, a Secretaría Xeral de Cultura e o Ateneo de Santiago de Compostela presentan esta tarde, ás 19:00 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal, o novo número da revista, que tamén inclúe unha achega teórica fundamental de Manuel F. Vieites para situar o teatro de Valle-Inclán no contexto do teatro occidental e universal, concretamente, dentro do movemento da nova obxectividade, onde ocupa un lugar privilexiado de vangarda.
 Tamén colaboran neste número a filóloga de Costa Rica Olga Mesén, que aborda a significación e o simbolismo da luz e da escuridade na obra ‘Luces de bohemia’, e Diego Martínez, da Universidade de Córdoba, cun artigo centrado na relación fraternal entre o creador do esperpento e Jacinto Benavente, ademais de recoller o manuscrito ata o de agora descoñecido do prólogo que este último realiza para as ‘Obras completas’ (1944) de Valle-Inclán, achado no Arquivo Histórico Nacional.
 Completan o novo volume da revista o achegamento que realiza Manuel J. Santos, do IES Rafael Dieste, aos lugares e á diversidade paisaxística que Valle-Inclán presenta nas ‘Sonatas’, xunto cun amplo traballo no que José María Leal se adentra na época da chegada das factorías catalás a Vilanova de Arousa relacionadas coa a pesca e conserva de peixe, para facer fincapé nas súas complexas relacións coa antiga fidalguía local e na vinculación coa familia de Valle-Inclán.

 Contribuír ao estudo dun referente da literatura

 A Consellería de Cultura e Educación vén colaborando desde hai anos coa Asociación de Amigos de Valle-Inclán na publicación desta revista, dirixida por Francisco Charlín, co obxectivo de contribuír a ampliar os estudos sobre o legado literario e a biografía dun dos principais referentes da literatura universal do século XX. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario