31 de xan. de 2017

LABORAL

Convocada folga indefinida no mantemento do alumeado de Vigo pola modificación das condicións de traballo 

O persoal denuncia incumprimentos de convenio e pide a actualización das categorías profesionais

O persoal da UTE Luze Vigo decidiu convocar folga indefinida
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 O persoal da UTE Luze Vigo, concesionaria do servizo de mantemento das instalacións de alumeado público, túneles, pasos inferiores, fontes e estanques do Concello, decidiu convocar folga indefinida despois de que a empresa modificase as súas condicións laborais no que respecta ao horario da xornada de traballo. Ao mesmo tempo, os traballadores denuncian o incumprimento do convenio no referente aos pluses de labores especiais e reclaman a actualización das categorías profesionais.

 O cadro de persoal da UTE Luze Vigo, integrado por 45 traballadores, decidiu por unanimidade en asemblea promover a convocatoria dun paro indefinido a partir das 7.00 horas do vindeiro mércores día 8 de febreiro en resposta á modificación substancial das súas condicións de traballo no que respecta aos cadrantes horarios da xornada laboral.


 Segundo explican dende a federación de Industria da CIG -central á que pertencen os dous delegados de persoal da empresa-, o conflito iníciase unha vez que se produce o cambio da concesionaria porque a UTE que se fai cargo do servizo asume novas funcións sen facer máis contratacións. En concreto, Luze Vigo -formada pola anterior concesionaria, Imesapi, e por FCC- encargarase a partir de agora tamén do mantemento dos túneles, para o que considera necesario cambiar a xornada laboral dos empregados.  

 Ao mesmo tempo, con esta folga os traballadores queren tamén rexeitar os incumprimentos de convenio no referente aos pluses de traballos especiais (tóxicos, penosos e perigosos), que a compañía non quere abonar. Outro dos motivos do paro é reclamar a actualización das distintas categorías profesionais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario