20/12/2016

VIGO


 Os problemas no acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro, que son ben coñecidos, afectan a diferentes colectivos:

·         As traballadoras e traballadores, que teñen serios problemas para acceder aos seus postos de traballo en tempo e forma, con serios problemas para acceder ao aparcadoiro reservado para o persoal, con colas interminábeis para pasar a barreira.

·  Ao persoal das ambulancias, que se atopan con verdadeiros tapóns para acceder ao Servizo de Urxencias ou a outros Servizos con persoas que precisan traslado en ambulancia, xerando situacións de tensión para eles e para o resto de usuarias e usuarios dos viais de acceso no caso de traslado de pacientes urxentes.

·   Ao persoal do transporte público, urbano e interurbano, que a determinadas horas ten difícil manobrar no entorno do Hospital e cumprir cos horarios programados.

·  E ao conxunto de usuarias e usuarios do Hospital, que teñen dificultado o acceso, tanto en transporte público como en vehículos privados.

 Esta situación obedece a unha mala planificación desde a concepción mesma do proxecto, que se centrou en dirixir o tráfico de vehículos privados ao aparcadoiro de pago, deixando nun lugar secundario o acceso peonil, o transporte público e a garantía de acceso das e dos profesionais e das ambulancias. So así podemos entender a situación actual.

 Como Xunta de Persoal temos reclamado, desde antes do inicio da actividade do Hospital, a subsanación destas deficiencias, e temos conseguido 700 prazas de aparcamento gratuíto para o persoal e unha redución do 40% das tarifas das usuarias e usuarios, iso si, con autentica falta de transparencia sobre como se repercuten estas reducións no que ten que paga o SERGAS á empresas concesionaria, propietaria do Hospital.

 Pero a situación dista de estar resolta, nin se prevé que a resolva o paso do tempo como pretenden algúns xestores, nin o persoal ten resolto o seu acceso e aparcamento, nin o trasporte público presta o servizo que se precisa, nin é posible o acceso peonil, nin se remataron os atascos a horas punta que limitan o acceso das ambulancias.

 Por todo isto reclamamos da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo, cada un coas súas competencias, que se poñan de acordo para realizar un estudio de ordenación do tráfico no entorno do Hospital Álvaro Cunqueiro, tanto nos viais interiores como nos de acceso ao Hospital pola estrada da Venda, por Clara Campoamor ou pola VG-20.

 Tamén reclamamos da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo que tomen tódalas medidas oportunas para habilitar os espazos existentes en superficie, dependentes das dúas administracións, que permitan o aparcamento regulado e ordenado de xeito gratuíto.

Vigo, 20 de decembro de 2016

Xunta de Persoal da Área sanitaria de Vigo

(R.)

Ningún comentario: