20 de dec. de 2016

VIGO

O persoal do Álvaro Cunqueiro mobilízase para que se poña fin ao caos de tráfico no hospital 

A representación social reclama tamén máis prazas de aparcamento

Concentración no interior do hospital Álvaro Cunqueiro para reclamar que se poña fin ao caos de tráfico existente na contorna do centro médico e se habiliten máis prazas de aparcamento gratuíto en superficie
Fotos: CIG



Infogauda / Vigo

 A Xunta de Persoal do Chuvi desenvolveu hoxe unha concentración no interior do hospital Álvaro Cunqueiro para reclamar que se poña fin ao caos de tráfico existente na contorna do centro médico e se habiliten máis prazas de aparcamento gratuíto en superficie. Ao remate da protesta a representación dos traballadores/as rexistrou un escrito con estas demandas dirixido ao alcalde e ao conselleiro de Sanidade.   

 Dende a Xunta de Persoal explican que os problemas que a diario se rexistran no acceso ao hospital Álvaro Cunqueiro afectan tanto aos traballadores/as -“que teñen serios problemas para acceder aos seus postos de traballo en tempo e forma”- como ao persoal das ambulancias, “que se atopan con verdadeiros tapóns para acceder a Urxencias ou a outros servizos”.  

 Pero tamén se ve afectado o persoal do transporte público, urbano e interurbano, que a determinadas horas ten difícil manobrar no entorno do hospital e cumprir cos horarios programados. “Mais tamén o conxunto de usuarios/as do hospital, que teñen dificultado o acceso, tanto en transporte público como en vehículos privados”.  

 Segundo denuncian, esta situación obedece a unha mala planificación dende a concepción mesma do proxecto, que se centrou en dirixir o tráfico de vehículos privados ao aparcadoiro de pago, deixando nun lugar secundario o acceso peonil, o transporte público e a garantía de acceso dos profesionais e das ambulancias.  

 Diante disto, reclámanlle á Xunta de Galiza e ao Concello de Vigo -“cada un coas súas competencias”- que se poñan de acordo para realizar un estudo de ordenación do tráfico na contorna do hospital, tanto nos viais interiores como nos de acceso pola estrada da Venda, por Clara Campoamor ou pola VG-20.Mais sosteñen que a situación nin está resolta nin se prevé que a resolva o paso do tempo como pretenden algúns xestores. O persoal tampouco ten resolto o seu acceso e aparcamento, o trasporte público presta o servizo que se precisa, tampouco é posíbel o acceso peonil, nin se remataron os atascos a horas punta que limitan o acceso das ambulancias.

 Lembran que mesmo antes do inicio da actividade do centro teñen reclamado a subsanación destas deficiencias, logrando 700 prazas de aparcamento gratuíto para o persoal e unha redución do 40% das tarifas das usuarios/as. “Iso si, con auténtica falta de transparencia sobre como repercuten estas reducións no que ten que pagarlle o Sergas á empresa concesionaria”, indican.  

 Tamén lles demandan que se tomen todas as medidas oportunas para habilitar os espazos existentes en superficie, dependentes das dúas administracións, que permitan o aparcamento regulado e ordenado de xeito gratuíto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario