2 de nov. de 2016

PONTEVEDRA

A Deputación destinará máis de 1,1 millóns de € ós concellos para paliar a discriminación ocasionada polo reparto de fondos do anterior goberno 

Estas achegas forman parte do novo Plan de Investimentos en Equipamentos e Infraestruturas (PICEI) que busca a redistribución dos recursos públicos para comezar a equilibrar ós concellos marxinados polo goberno de Louzán PICEI 

David Regades, deputado delegado de cooperación
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 O deputado delegado de cooperación, David Regades, presentou esta mañá o novo Plan de Investimentos en Equipamentos e Infraestruturas (PICEI) a través do cal se destinará 1.129.713,28 € a concellos de menos de 20.000 habitantes. O PICEI, que beneficiará a Fornelos de Montes, A Lama, Silleda, Catoira, Vilaboa, As Neves, O Porriño e Forcarei, "trátase  -tal e como manifestou o deputado provincial- dun programa de cooperación, complementario ó Plan Concellos, que busca beneficiar a municipios con especiais dificultades territoriais ou afeccións debido á falta de implantación de infraestruturas ou servizos ocasionada pola discriminación no reparto de fondos do anterior goberno da Deputación".  

 A Deputación de Pontevedra ten como obxectivos prioritarios o establecemento e prestación dos servizos públicos mínimos así como asegurar o acceso da poboación da provincia ó conxunto dos servizos de competencia municipal.  Por tal motivo se puxo en marcha o Plan Concellos, "para facer fronte –como asegurou Regades- á colaboración cos municipios a través dun reparto equitativo, con criterios obxectivos e tratando por igual a todos os concellos da provincia e grazas ó cal, tal e como deu a coñecer hai uns días a presidenta, hai 400 obras en marcha na provincia e 1.200 persoas atoparon un posto de traballo".  

 O deputado provincial destacou que "pese á implantación do Plan Concellos, do que tanto os propios concellos coma nós estamos moi satisfeitos, había necesidades urxentes de interese xeral que non estaban cubertas nos concellos pequenos debido, fundamentalmente, á diferenza de trato que o anterior goberno da Deputación realizaba no reparto de axudas". Neste contexto, David Regades destacou que tras analizar os datos dos programas que a institución provincial levou a cabo entre o 2009 e o 2015 "atopámonos cunha distribución de fondos a través da libre disposición que acadou os 29 millóns de €, é dicir, o 20% do importe total das subvencións concedíase de xeito discriminado. En concreto, entre 2009 e 2011 distribuíronse 11,3 millóns de € por libre disposición e entre 2012 e 2015 17,4 millóns de €, ós que hai que engadir 43,14 millóns de € mediante convenios outorgados por subvencións directas, o que significa que dos case 200 millóns de € en subvencións que recibiron os concellos máis da terceira parte, é dicir 72 millóns, foron de forma directa a determinados concellos". 

 Fronte a esta situación, outros concellos non recibiron ningún euro o que "provocou sensibles diferenzas entre concellos ó minguar sensiblemente a súa capacidade de financiamento de investimentos provocando unha situación de incapacidade para cumprir o obxectivo prioritario da correcta prestación de servizos básicos", tal e como asegurou o deputado provincial. Por tal motivo nace o novo plan PICEI, deseñado tendo en conta as necesidades expostas polos propios concellos e concibido como un programa de cooperación municipal, co obxectivo de fomentar a redistribución dos recursos públicos para impulsar a equidade en servizos e equipamentos dos concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes.  

 O PICEI distribuirá os seus fondos entre os concellos de Fornelos de Montes (cun total de 145.000 € para a reforma do pavillón municipal), A Lama (con 80.000 € para un proxecto de eficiencia do alumeado público), Silleda (438.778,07 € para a dotación de herba sintética ó campo de fútbol A Gandareira de Bandeira), Catoira (125.000 € para o acondicionamento da casa do concello), Vilaboa (150.000 € para a remodelación do Club de Piragüismo de Paredes), As Neves (70.000 € para a mellora e conexión das captacións de abastecemento de auga), O Porriño (30.221,93 € para a mellora das instalacións exteriores no campo de fútbol do carballo da U.D. Atios) e Forcarei (90.000 € para un proxecto de mellora da sinalización dos núcleos urbanos)".  

 David Regades subliñou que "non podemos borrar nun ano os agravios comparativos de tanto tempo pero si podemos ir facendo redistribucións para que todos os concellos, todos, poidan cumprir coas súas obrigas de servizos á cidadanía. Este é o primeiro paso pero seguiremos traballando para garantir que todas as veciñas e veciños da provincia de Pontevedra, independentemente de onde vivan, teñan os mesmos servizos".  

 O Plan PICEI será aprobado en Xunta de Goberno proximamente e terá un prazo de execución ata o 31 de decembro de 2017, prorrogable, por causas xustificadas, ata o 30 de xuño de 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario