9 de nov. de 2016

GALICIA

O DOG publica hoxe o decreto polo que se aproba o regulamento da Lei do Solo, que unifica xestión, planeamento e disciplina 

O texto lexislativo entrou en vigor en marzo deste ano e establecía o prazo dun ano para desenvolver o regulamento 

Deste xeito, a Lei do solo 2/2016 convértese na primeira da historia de Galicia co seu propio regulamento

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se aproba o regulamento da nova Lei do solo de Galicia, que entrará en vigor no prazo dun mes.
 Con esta publicación, dáse cumprimento á disposición final 5ª do texto lexislativo, que entrou en vigor en marzo e que establecía o prazo dun ano para poñer en marcha este regulamento.
 Trátase dun regulamento integral, que inclúe a xestión, o planeamento e a disciplina, o que facilitará considerablemente a súa aplicación, xa que unifica e substitúe aos tres regulamentos que existen actualmente: os estatais de planeamento e xestión, vixentes desde 1978; e o autonómico de disciplina, aprobado en 1999.
 O seu obxectivo é facilitar a aplicación da Lei entre os axentes que interveñen na transformación do territorio: técnicos das administracións, arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros, rexistradores, etc. Ao mesmo tempo, clarifica a interpretación do texto lexislativo e aporta seguridade xurídica, a través de elementos como a definición de conceptos urbanísticos homoxéneos para todos os concellos, ou o modelo de ficha resume con todos os datos que contempla un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
 Deste xeito, a Lei 2/2016 do solo convértese na primeira da historia de Galicia que conta co seu propio regulamento, redactado polo mesmo persoal técnico da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo que redactou o texto lexislativo e que estivo traballando, paralelamente, nestes dous textos que conforman o novo marco normativo urbanístico galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario