As empresas galegas presentes en Iberflora 2016 fan unha valoración moi positiva da súa estadía neste certame
Así llo trasladaron á directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, que se desprazou a este foro para apoiar ao sector galego da planta ornamental
Os representantes das empresas galegas presentes en Iberflora 2016 fan unha valoración moi positiva da súa estadía neste certame
Infogauda / Valencia
Os representantes das empresas galegas presentes en Iberflora 2016 fan unha valoración moi positiva da súa estadía neste certame, que se clausura hoxe en Valencia e que está considerado o referente do sector en España. De feito, o stand de Galicia foi dos máis demandados. Así llo transmitiron á directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, quen estivo na feira apoiando a presenza galega.
En total foron 10 as empresas da nosa Comunidade que participaron como coexpositoras no espazo da Xunta de Galicia, de 416 metros cadrados de superficie. Delas, 4 están situadas no concello pontevedrés de Tomiño (Viveros Brotes, Coplant Galicia, Viveros Juan Peixoto e Veraleza), no que se localiza boa parte da produción galega de planta ornamental. O resto das expositoras foron Viveros Cabaleiros (Lourenzá), Viveros Denoy (Arzúa), Fomento Vegetal (Ribadeo), Hifas da Terra (Pontevedra), Plant Plus (Narón) e Ullaplant (A Estrada). Entre os países que mostraron un maior interese pola nosa produción destaca o Reino Unido, seguido de Francia.
Estas empresas teñen unha clara orientación internacional, xa que unha media do 48% da súa facturación ven dada pola exportación. Empregan preto de 500 persoas, entre os traballadores dos viveiros e os comerciais e acadan unha facturación anual duns 15.500.000 euros.
Dentro deste sector, Galicia destaca como a maior produtora de camelia de Europa e noutras variedades –como hortensia, rododendro, azalea, abelia, acivro e coníferas de peche– a nosa comunidade é das maiores produtoras de España.
A feira Iberflora está considerada o principal referente deste sector en España. Nesta edición número 45 rexistrou un total de 444 firmas expositoras, das cales 342 son españolas e as restantes 102 internacionais, procedentes na súa maior parte de Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido, Países Baixos e Portugal. A superficie da mostra situouse preto dos 60.000 metros cadrados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario