Primeiro caso importado de Zika conxénito en Galicia
Sanidade lembra que esta enfermidade non se transmite persoa a persoa, senón a través de certos mosquitos que non existen nesta Comunidade Autónoma
Infogauda / Santiago de Compostela
A Consellería de Sanidade confirma o primeiro caso de infección conxénita polo virus Zika en Galicia. Detectouse a finais de abril e trátase dun caso importado, posto que a nai adquiriu a infección nunha área con transmisión activa do virus, no país latinoamericano onde residía.
Alí padeceu, na oitava semana de xestación, un exantema compatible con zika, pero non se realizou ningún estudo microbiolóxico. Despois, xa en Galicia, confirmouse unha infección recente. Malia que o estudo ecográfico realizado na 12ª semana de xestación non achou anomalías, no da semana 19 atopáronse anomalías importantes do sistema nervioso central compatibles co zika. Ademais, detectouse RNA do virus no líquido amniótico.
Coa aprobación do comité de ética, levouse a cabo a interrupción do embarazo na semana 21, e a necropsia do feto corroborou a importancia das lesións e achou RNA do virus no cordón umbilical e máis no cerebro. No boletín do Venres Epidemiolóxico que se publicará mañá faise unha referencia a este tema, e unha descrición clínica máis polo miúdo poderase consultar no número do 16 de xuño de Eurosurveillance, boletín epidemiolóxico da Unión Europea.
Dende a Consellería de Sanidade lémbrase que o zika non se transmite persoa a persoa, senón a través de dous tipos de mosquito, que en Galicia non existen. Polo tanto, o principal risco de contaxio para unha persoa é viaxar a unha zona onde si exista (fundamentalmente países latinoamericanos) e que lle pique un mosquito transmitíndolle a enfermidade.
No que atinxe ás recomendacións para prever a infección conxénita en mulleres embarazadas ou que planeen estalo, estas deben evitar as viaxes ás áreas afectadas ou, se non poden facelo, seguir os consellos que aparecen na web do Sergas. Ademais, como é posible a transmisión sexual do virus, recoméndase que os homes que volven de áreas afectadas usen preservativo durante 8 semanas se o viaxeiro non amosou síntomas compatibles co zika, e durante 6 meses se os amosou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario