15 de xuño de 2016

SANIDADE

Pechados no Meixoeiro concéntranse diante do hospital para agradecer as mostras de apoio doutras áreas sanitarias 

Persoal do Sergas de distintos puntos do país mobilizouse hoxe contra o peche de camas no verán e en solidariedade cos empregados/as do hospital vigués 

Concentración na entrada do Meixoeiro para agradecer o apoio das outras áreas sanitarias de Galiza que hoxe se mobilizaron para denunciar o peche de camas 
Fotos: CIG

Infogauda / Vigo

 A xunta de persoal do Chuvi e a plataforma SOS Meixoeiro desenvolveron este mediodía unha concentración na entrada do Meixoeiro para agradecer o apoio das outras áreas sanitarias de Galiza que hoxe se mobilizaron para denunciar o peche de camas durante o verán e amosar a súa solidariedade cos traballadores/as pechados/as no centro vigués.  

 A concentración, convocada pola xunta de persoal e SOS Meixoeiro, tivo lugar na entrada principal do centro médico vigués a partir das 12.00 horas, onde durante 20 minutos os participantes no peche e numerosos/as traballadores/as berraron consignas como “Xerente dimisión”, “O Meixoeiro querémolo enteiro” ou “Conselleiro dimisión”.  


Acto seguido regresaron ao interior do edificio para continuar co peche iniciado o pasado día 1 de xuño para rexeitar o desmantelamento do hospital vigués e reivindicar a súa importancia dentro do sistema sanitario público. Alí seguiron gritando consignas até as 12.30 horas, tempo no que se uniron numerosos/as usuarios/as e empregados/as do centro médico.  

 Segundo explicaron os promotores, con esta concentración pretenden trasladar o seu agradecemento ao persoal das distintas áreas sanitarias de Galiza que hoxe se mobilizaron -O Barbanza, O Salnés e Santiago, entre outras- para denunciar o peche de camas durante o verán e en solidariedade co peche que manteñen os empregados/as do hospital vigués.  

 Ao remate da protesta lembraron que todas as mobilizacións que están a desenvolver son para defender a sanidade pública universal, gratuíta e de calidade, agradeceron a presenza dos traballadores/as e dos usuarios/as e fixeron un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro mércores día 22 de xuño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario