21 de xuño de 2016

A GUARDA

A FESTA DA LANGOSTA CONTARÁ COA XXI EDICIÓN DA TRAVESÍA A NADO PORTO DA GUARDA   

O evento deportivo terá lugar o sábado día 2 de xullo ás 12:00 h.

Saída dos participantes nunha edición anterior da Travesía a Nado Porto da Guarda
Fotos: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 A Guarda celebra os vindeiros días 1, 2 e 3 de xullo a XXVIª edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, a festa gastronómica máis representativa da vila e da comarca do Baixo Miño, que combinará unha gran variedade de espectáculos musicais, actividades culturais e deportivas. 

Xóvenes nadadores dunha edición precedente da Travesía a Nado Porto de A Guarda

 No ámbito deportivo destaca a celebración da XXI edición da Travesía a nado Porto da Guarda, o día 2 de xullo ás 12 horas. Esta actividade está organizada promovida e xestionada pola Concellería de Deporte da Guarda en colaboración co club de Remo Robaleira; o Club ALAGUA; a Confraría de Pescadores Santa Tecla; e RíoVerde motores forabordas. Esta Travesía a nado é unha actividade aberta a tódolos públicos, na que poden participar  tanto nadadores federados como non federados. 


 A proba conta cun total de 12 categorías, 6 para homes e 6 para mulleres en función do ano de nacemento. As primeiras catro categorías, que inclúen aos nenos e nenas nados entre 2010-2016 e 2005-2009, realizarán unha Travesía de 400 metros. Para o resto de participantes a distancia a percorrer será de 1.200 metros, dende a saída no Porto da Guarda. 

 Trátase dunha actividade con gran aceptación popular na que a medida que vai cumprindo anos a Travesía tamén o fan os participantes asiduos, ós que se unen novas caras cada edición. O ano pasado acadouse unha participación total de 107 inscritos, 10 nas catro categorías infantís e un total de 97 participantes nas categorías de adultos; unhas cifras que se esperan igualar e, se é posible, superar nesta edición.  

 Por isto o Concello da Guarda invita a todo o que o desexe a inscribirse, ata o 29 de xuño, e a participar nesta proba deportiva para compartir unha xornada de deporte e gastronomía pola XXVI Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, no Porto da Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario