A Deputación de Pontevedra comeza o novo programa "Depo en marcha" para a terceira idade
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
Infogauda / Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou onte a licitación do novo proxecto de envellecemento activo "Depo en marcha", aprobado pola Xunta de Goberno, destinado ás persoas da terceira idade da provincia.
Co novo programa "Depo en marcha" ofértaselles ás entidades da provincia que traballan coa terceira idade ou no eido dos maiores un catálogo de 29 obradoiros, recollidos en oito bloques temáticos.
Segundo subliñou Carmela Silva, estes bloques serán "Traballando coas mans", que inclúe obradoiros de cestería, pintado de teas, reciclaxe ou arte floral; "Entre fogóns", que oferta obradoiros de cociña galega, elaboración de conservas, licores, panadería, repostería, tapiñas ou petiscos; "Aprendendo da natureza", que conta cun obradoiro de plantas medicinais e outro de poda e tarefas de campo; "Móvete", que oferta cursos de pilates, ioga, taichí, ximnasia de mantemento e zumba; "Activando corpo e mente", que contará con cursos de conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia ou control e manexo da ansiedade e o estrés; "Enredando", que inclúe obradoiros de xogos tradicionais, teatro e fotografía; "Dálle marcha", que contará con bailes de salón, pandeireta e canto popular; e "En rede", que ofertará tres obradoiros, sobre internet e correo electrónico, iniciación á informática e informática avanzada.
A presidenta informou tamén da posta en marcha, de xeito inmediato, doutro proxecto denominado "Tecendo lazos", no que se pretende que as persoas maiores poidan transmitirlles as súas experiencias aos máis cativos.
"Son proxectos que poñemos en marcha, en colaboración coas asociacións e entidades que traballan cos maiores e cos concellos, que queremos que aporten algo máis que simplemente levalos de excursión pola provincia", subliñou Carmela Silva.
Por outra banda, a presidenta anunciou a firma dos convenios de colaboración con clubs e entidades deportivas de toda a provincia desde o próximo luns ata finais de mes. Así, o día 14 a Deputación asinará o convenio de colaboración coa Sociedade Deportiva Teucro, por importe de 45.000 euros; o martes día 15 firmarase co Club Balonmán Cangas un convenio, por importe de 45.000 euros; o día 22, en Vigo, asinarase o convenio co Celta, por valor de 200.000 euros; o día 29 firmarase, no Concello de Pontevedra, o convenio co Pontevedra Club de Fútbol, por importe de 160.000 euros; por último neste mes, o día 30 firmarase, en Vigo, o convenio co Coruxo, por importe de 100.00 euros.
Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou as últimas partidas dedicadas á liña catro de Plan Concellos 2016, destinadas ao emprego. Os últimos dous concellos que faltaban eran Dozón e Sanxenxo, que hoxe viron aprobadas as súas axudas por valor de 23.001 euros e 250.484 euros, respectivamente.
Con estes dous últimos concellos todos municipios da provincia xa recibiron a totalidade do Plan de Emprego, salvo Valga, que decidiu optar por dedicar a cantidade de emprego a investimentos. Silva apuntou que en setenta días a Deputación aprobou as axudas de 9 millóns de euros para emprego en 59 concellos, coas que se crearán 1.200 empregos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario