A Xunta de Galicia completa unha actuación integral no estuario do río Miño para mellorar a resiliencia climática e a paisaxe da zona dentro do proxecto europeo Green Gap
• Cun investimento de preto de 200.000 €, os labores comezaron fai un ano e actuouse sobre uns 14.000 m2 nos concellos de Tomiño, O Rosal e A Guarda
• Ángeles Vázquez salienta a rehabilitación de dous observatorios ornitolóxicos e dunha pasarela peonil, a eliminación de especies invasoras e a renovación dos carteis
• Subliña que este é un dos sete proxectos piloto que se prevé levar a cabo no marco desta iniciativa transfronteiriza, cun orzamento total de 2,1 M€ e liderada por Galicia
Infogauda / A Guarda
A Xunta de Galicia está a ultimar a execución da primeira intervención integral impulsada en territorio galego no marco do proxecto europeo Green Gap, que permitiu mellorar os valores diferenciais e a resiliencia ante os efectos do cambio climático da paisaxe transfronteiriza estuario do Miño-Santa Tegra.
Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen visitou a zona para comprobar sobre o terreo os resultados das principais actuacións acometidas polo seu departamento neste corredor ecolóxico, pertencente á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Cun orzamento total de preto de 200.000 euros, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) asumiu de forma directa a xestión dos traballos, que un ano despois do seu inicio están xa practicamente rematados, á falta tan só de pequenos detalles e da instalación de novos carteis e sinais para optimizar a información aos visitantes que se acheguen ata o corredor ecolóxico do río Miño.
As actuacións executáronse nunha superficie de arredor de 14.000 metros cadrados e benefician aos concellos de Tomiño, A Guarda e O Rosal. En concreto, a responsable autonómica destacou a recuperación do observatorio ornitolóxico da Pasaxe, localizado na Guarda e que neste caso sufriu unha reconstrución desde cero da antiga instalación; e os traballos de renovación doutro punto de avistamento de aves da zona, o da Xunqueira, onde se executaron labores de limpeza e se repuxeron elementos danados.
Outro dos aspectos máis destacados da intervención foi a restauración da pasarela peonil da ruta circular da Xunqueira, que orixinalmente era de madeira e foi substituída por unha de aluminio para alongar a súa vida útil.
Ademais, Ángeles Vázquez tamén explicou que se levaron a cabo labores de eliminación de especies invasoras nos tres municipios (como a acacia, a cana común e a cana de bambú, a palmeira canaria ou a herba da pampa); repuxéronse peches e outros elementos protectores arredor de ambos observatorios, e acometéronse rozas e tarefas de limpeza de elementos abandonados ou árbores mortas para poder acometer o resto de traballos programados.
Tras indicar que esta actuación integral estará completamente rematada a finais deste ano, a conselleira lembrou que a súa execución foi posible grazas ao proxecto Green Gap, unha iniciativa liderada por Galicia a través do IET e na que colaboran varias entidades locais, administracións supramunicipais e entidades universitarias de Galicia e do Norte de Portugal para impulsar as infraestruturas verdes dentro do espazo transfronteirizo.
Acompañada polo director do IET, Enrique de Salvador, a conselleira aproveitou a visita á zona para subliñar a importancia de apostar pola implantación e o desenvolvemento na Eurorrexión de proxectos de infraestrutura verde, xa que contribúen a crear unha rede de espazos e elementos que melloren a resistencia fronte ao cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien á vez ás poboacións veciñas.
Este é o obxectivo principal co que Galicia e o Norte de Portugal comezaron a traballar da man o ano pasado a través do Green Gap, cun orzamento global de 2,1 millóns de euros financiados a través do programa europeo Interreg España-Portugal 2021-2027.
De feito, as actuacións visitadas esta mañá na zona do Baixo Miño corresponden ao primeiro dos sete proxectos piloto que se executarán no marco desta iniciativa transfronteiriza, tres dos cales se desenvolverán en territorio galego, sendo os outros dous un proxecto de restauración ambiental no entorno do embalse das Conchas, en Muíños, e outro destinado á creación de bandas de vexetación autóctona de masas forestais continuas en montes veciñais de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario