24 de feb. de 2016

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

O BNG denuncia escurantismo do Alcalde de A Guarda pola instalación dunha antena de telefonía en Camposancos   

Ángel Luis Baz Vicente: “O pobo de Camposancos ten dereito a coñecer a posíbel instalación dunha antena de 40 metros de altura” 

Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal nacionalista


Infogauda / A Guarda

 O Bloque Nacionalista Galego presentou dous escritos sobre a instalación dunha antena de telefonía en Camposancos sen que o Alcalde de A Guarda responda despois de 15 días. Os escritos solicitaban un informe sobre a situación actual desa licencia para saber se os informes requiridos son favorables ou non. 

 Dende o BNG lembran que se está a falar da colocación dunha antena de 40 metros de altura (o tamaño dunha cancha de balonmán) polo que non entende a opacidade coa que traballan o Alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz e o presidente da Entidade Local Menor de Camposancos, Rafael Álvarez Martínez, cando despois de ter recibido dous escritos solicitando información por parte do BNG, seguen agochando os pormenores desta tramitación. 

 O BNG lémbralle ao Alcalde de A Guarda que ten obriga de facilitar toda información aos concelleiros e concelleiras que así o soliciten, polo que é inadmisíbel a tardanza en aportar a documentación. 

 “O que nos preguntamos é que hai que esconder para non querer dar ningunha información ao BNG cando sabemos que hai trámites en marcha”, comentou Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal nacionalista. 

 O BNG aposta por unha política transparente na que a información ao pobo sexa o habitual e non a actitude que están a levar a cabo o PSOE, tanto no Concello como na Entidade Menor, onde a día de hoxe ningún veciño de Camposancos ten coñecemento da posibilidade da instalación de dita antena. Sobre todo ante as carencias de cobertura que hai na zona, polo que é indispensábel a máxima transparencia no tema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario