13 de xan. de 2016

SANIDADE

Nos hospitais do Sergas realizáronse en 2015 un total de 337 transplantes de órganos 

En concreto, 167 foron de ril, 94 de fígado, 4 de páncreas, 25 de corazón e 47 de pulmón Galicia ten preto do 40 doantes por millón de poboación, e a doazón de órganos incrementou nun 20% en 2015 con respecto de 2014 

O número total de receptores en lista de espera diminuíu un 24,3%, ata as 321 persoas 

No que atinxe ás causas de morte dos doadores, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares, e a idade media do doador foi de 61,6 anos 

Dende que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, xa se levan feitos en Galicia un total de 6.947 transplantes de órganos 

Actualmente, en Galicia 100.495 persoas teñen a tarxeta de doador  

O director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Ramón Ares, e o director da Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, Jacinto Sánchez, na rolda de prensa  
Foto: Ana Varela

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Servizo Galego de Saúde realizou durante 2015 un total de 337 transplantes de órganos nos seus hospitais, o que supón un incremento do 22% con respecto do ano pasado. En concreto, do total de transplantes, 167 foron de ril -deles, 37 foron de doante vivo-, 94 de fígado, 4 de páncreas, 25 de corazón e 47 de pulmón. Durante 2015, destacou o Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, que realizou un total de 257 transplantes de órganos, situándose como o centro que realizou máis transplantes de España. 



TRANSPLANTES DE ÓRGANOS 2015
Ril
167
Fígado
94
Páncreas
4
Corazón
25
Pulmón
47
Total transplantes
337



 Durante o 2015 continuou consolidándose o transplante de ril de doador vivo, do que, no pasado ano, fixéronse un total de 37. Dende 2001, fixéronse un total de 220 transplantes neste apartado. O 22,3% do total de transplante de ril en Galicia procede de doador vivo.  

 Dende que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2015, xa se levan feitos en Galicia un total de 6.948 transplantes de órganos. 

TRANSPLANTES DE ÓRGANOS 1981-2015
Ril
3.710
Fígado
1.888
Páncreas
103
Corazón
726
Pulmón
521
Total transplantes
6.948



 Con respecto dos pacientes en espera, durante o 2015 descendeu o número de persoas que agardan por un transplante en Galicia e que é de 321 (3 por un corazón, 29 por un pulmón, 73 por un fígado, 8 por un páncreas e 208 por un ril). O número total de receptores en lista de espera diminuíu un 24,3% con respecto do balance anterior. 
Doadores de órganos  
 O número de doadores de órganos cadáver en Galicia tamén se situou en 109 (57 na provincia da Coruña, 11 na de Lugo, 6 na de Ourense e 35 na de Pontevedra); con este dato Galicia rexistra o maior número de doadores nun ano. Foi un incremento do 20% con respecto do ano pasado, e supón que en Galicia hai 39,9 doantes por millón de poboación.  

 No que atinxe as causas de morte dos doadores, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares, cun 74,3%, seguido dos traumatismos cranio encefálicos, e da anoxia (falta de osíxeno nun tecido). Con respecto da idade media do doador, foi de 61,6 anos; e respecto do sexo, o 50,5% eran homes e o 49,5% mulleres.  

 A taxa de negativas familiares descendeu case cinco puntos durante o 2015 fronte ao ano anterior, pasando dun 27,4% do 2014 ao 22,7% neste 2015. Se ben, esta cifra segue a ser alta respecto da media do Estado, situada no 15,3% en España.  

 O Servizo Galego de Saúde e a Oficina de Coordinación de Transplantes queren facer un un recoñecemento público aos doadores e ás súas familias, pola valentía, a fortaleza e a xenerosidade que amosan neses momentos difíciles. Tamén queren agradecer ao conxunto da sociedade e dos profesionais dos hospitais galegos, xa que son os que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan en Galicia.  
Aumento das tarxetas de doador e actividade divulgativa realizada 
 Actualmente, en Galicia 100.495 persoas teñen a tarxeta de doador. Destas, 3.061 son novas tarxetas realizadas en 2015 na Oficina de Coordinación de Transplantes.  

 Doutra banda, a Oficina de Coordinación realizou 113 charlas a escolares durante o curso 2014-2015 para fomentar a doazón nun total de 95 centros educativos de 48 concellos, e nas que participaron un total de 5.581 escolares. 

 Ademais, a Oficina de Coordinación de Transplantes convocou para o curso escolar 2014-2015 o cuarto concurso de curtametraxes no que participaron 69 alumnos de 9 centros de 8 concellos diferentes de toda Galicia; ademais desenvolveuse o Plan Proxecta: educando en valores en 18 centros con 987 escolares e 56 profesores.  

 Tamén se impartiron 12 cursos sobre o proceso de doazón e transplantes, e tres seminarios de comunicación de malas noticias no proceso da doazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario