8 de xan. de 2016

PONTEVEDRA

Xosé Leal: "Hoxe reabrimos ao público un espazo que nunca debeu ser pechado" 

O deputado provincial de Cultura participou na reapertura da Sala de Investigación do Museo de Pontevedra

Xosé Leal - a dereita da imaxe -, acompañado polo director do Museo, Carlos Valle


Infogauda / Pontevedra

 O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, acompañado polo director do Museo, Carlos Valle, participou onte na apertura oficial da Sala de Investigación do Museo provincial, onde aproveitou para salientar que "hoxe reabrimos ao público un espazo que nunca debeu ser pechado". Xosé Leal asegurou que, desde que se fixo cargo da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, recibiu numerosas demandas por parte de investigadores para que se volvese poñer a disposición do público este espazo da institución museística de Pontevedra. Así, Leal lembrou que "pechar esta sala fora unha decisión do anterior goberno e, pola nosa parte, desde que iniciamos esta nova etapa traballamos para volver abrila e poder ofrecer un servizo aos investigadores e investigadoras nas mellores condicións posibles".    

 Pola súa banda, o director do Museo, Carlos Valle, lembrou que no seu momento o peche da Sala de Investigación "foi unha decisión política tomada ás costas da práctica totalidade do equipo técnico e que non tiña ningún sentido". Carlos Valle fixo especial fincapé en que "un museo é unha institución pública que ten a súa razón de ser en poñer a disposición da cidadanía os seus fondos" e, neste sentido, afirmou que "esta sala foi concibida como un lugar de consulta e, sobre todo, de asesoramento". O director do Museo remarcou a importancia do asesoramento especializado que o Museo de Pontevedra ten a disposición de investigadores e investigadoras e asegurou que "temos un equipo excepcional desde o punto de vista técnico e científico". Carlos Valle salientou, ademais, que "no propio ADN do Museo de Pontevedra estivo desde sempre o de ser un centro pioneiro na investigación"  e asegurou ser "consciente de que as persoas que se dedican á investigación non soen dispoñer do suficiente apoio, máis ben son sempre 'esforzados' investigadores".  

 Tras permanecer tres anos pechada ao público, a Sala de Investigación abriu de novo as portas no Edificio Fernández López e terá un horario de 8:30 a 14:30 horas, de luns a venres. O deputado de Cultura, Xosé Leal, ante preguntas da prensa ao respecto do proxecto de crear un grande arquivo provincial que incluíse os fondos do Museo, aproveitou para aclarar que "hai que diferenciar entre un arquivo dun Museo e un arquivo xeral, que non teñen a mesma función, e o  arquivo deste Museo conta con moito material relevante que debe contar cun espazo propio e diferenciado".  

 A institución museística conta con 55 grandes coleccións de arquivos persoais de directores, fundadores e padróns do propio Museo, así como con bibliotecas de persoas de relevancia na historia da cultura na provincia de Pontevedra e no conxunto da Galiza. Segundo datos achegados polo seu director, o Museo de Pontevedra conta entre os seus fondos con millóns de unidades susceptibles de seren consultadas, que constitúen un dos conxuntos máis importantes de toda Galiza. Conta con documentos únicos e moi demandados, entre os que destacou debuxos e fotografías históricas do século XIX. Entre os arquivos máis valiosos e representativos, Carlos Valle mencionou que o Museo salvagarda unha importante bibliografía sobre Goya, o arquivo privado de Filgueira Valverde ou os arquivos da Colección Castelao. 

 Xosé Leal rematou asegurando que, ademais da posta en marcha, de novo, da Sala de Investigación, desde o Museo se seguirá traballando "nunha dinámica de servir a toda a provincia e tamén á xente de fóra, posto que constitúe un atractivo cultural e turístico de gran potencialidade".

Ningún comentario:

Publicar un comentario