8 de xan. de 2016

GALICIA

A Xunta de Galicia propón que se modifique un artigo da nova Lei do Solo de Galicia como solución máis segura e recomendable á situación urbanística de Vigo 

Esta modificación faría posible que os grandes proxectos liderados por unha Administración pública poidan executarse aínda que sexan disconformes co planeamento urbanístico, sempre que sexan urxentes ou de especial interese público e o Concello así o acorde 

Un pacto polo urbanismo de Vigo entre os grupos do Parlamento de Galicia permitiría a introdución desta emenda 

Feijóo mantén a súa oferta de colaboración ao Concello de Vigo de cara á elaboración dun novo PXOM, dado que é o único instrumento que dotaría de cobertura a todas as actuacións urbanísticas da cidade 

O presidente subliñou que esta é a solución que mellor garante a seguridade xurídica, pois ofrece “unha auténtica blindaxe legal”

O presidente da Xunta na rolda de prensa de Consello 
Foto: Ana Varela

Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de propoñer a modificación dun artigo da nova Lei do Solo de Galicia, que está en tramitación parlamentaria, para solucionar a situación urbanística de Vigo, despois da anulación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Segundo sinalou, tras ser analizado pola Asesoría Xurídica e os técnicos de Urbanismo este é o mellor instrumento, o máis seguro, o máis recomendable e o mellor adaptado para dar cobertura legal aos proxectos urxentes e de especial interese público.  

 A modificación permitiría que, de xeito excepcional, aqueles proxectos promovidos por administracións públicas que sexan disconformes co planeamento urbanístico poidan executarse, sempre e cando se aprecien razóns de urxencia ou excepcional interese público e se teña o acordo do Concello. O presidente subliñou que esta é a solución que mellor garante a seguridade xurídica, pois ofrece “unha auténtica blindaxe legal”.  

 Esta proposta de modificación, que será enviada ao Parlamento, é unha solución de urxencia ante a necesidade de salvagardar proxectos que se están a levar a cabo na maior cidade de Galicia. O presidente reafirmou, de todos os xeitos, que a única solución para dar seguridade ao planeamento local e á totalidade das actuacións urbanísticas da cidade de Vigo pasa pola elaboración e aprobación dun novo PXOM, para o que mantén a súa oferta de colaboración ao Concello de Vigo.  
Seguridade xurídica, axilidade, rapidez e versatilidade  
 Feijóo subliñou que esta proposta é a mellor solución, porque é a que ofrece máis garantías e maior seguridade xurídica ao tratarse dunha lei autonómica. Tamén é a que ofrece unha maior axilidade, pois con esta vía os proxectos poderán estar aprobados nun prazo de entre 6 e 8 meses, no canto dos 15 ou 24 meses aos que pode dilatarse unha modificación puntual ou un plan sectorial. Por último, o presidente dixo que esta modificación supón unha ferramenta para toda Galicia de producirse situacións destas características nun futuro.  

 A proposta foi deseñada polos técnicos de urbanismo da Xunta —tras manter nas últimas semanas numerosas reunións, entre outros, cos representantes do Goberno local de Vigo— e analizada co máximo rigor pola Asesoría Xurídica autonómica.  

 Dado que a Lei do Solo se atopa nestes momentos en trámite parlamentario, esta proposta da Xunta podería introducirse no articulado do texto mediante unha emenda que se lles proporá aos grupos parlamentarios. Este pacto polo urbanismo de Vigo permitirá asegurar que se executen con todas as garantías os grandes proxectos liderados por unha Administración pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario