13 de dec. de 2015

OPINIÓN

EDITORIAL

QUEN PRETENDE IGNORAR O CAMIÑO PORTUGUÉS POLA COSTA OU MONACAL?

A beleza do Camiño Portugués pola Costa ou Monacal atrae  cada día a máis camiñantes de diferentes paises do Mundo
Foto: Infogauda


Infogauda

 Este domingo día 13 de decembro de 2015, os xornais impresos - alomenos os que acostumamos a ler habitualmente - levan un encarte titulado GALICIA COAS PORTAS ABERTAS. No seu contido observamos que ademais de informar sobor do Ano Xubilar da Misericordia e da apertura da Porta Santa, hai dúas páxinas que baixo o título de AS PORTAS DE GALICIA, trata de Camiños Xacobeos e das correspondentes etapas. 

 Sen necesidade de ser moi observadores, os lectores poden ollar unha relación de itinerarios xacobeos, na que se ignora o Camiño Portugués pola Costa ou Monacal. Non figura nin no mapa, nin na devandita relación. É decir, para á Xunta de Galicia o Camiño portugués pola Costa ou Monacal non conta. Esa é a conclusión a que chegamos logo de ollar ese encarte que con un custe crematístico importante, pagado con cartos de tódolos contribuintes, se adxunta os xornais galegos nesta data. Por certo en plena campaña electoral.

 Non é á primeira vez que acontece semellante "esquecemento". E tamén é certo, que non temos constancia de que por parte de quen corresponde - por exemplo os concellos de A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona, Nigrán e Vigo, poboacións galegas por onde transcorre o Camiño Portugués pola Costa ou Monacal, ata confluir en Redondela co Camiño Portugués que tamén procedente de Portugal, entra por Tui - se teña dito nada o respecto. 

 Non atopamos xustificación confesable a ese "esquecemento". Como tampouco consideramos que na páxina web do Xacobeo, no apartado "OS CAMIÑOS EN GALICIA", non figure no mapa, o itinerario do Camiño Portugués pola Costa ou Monacal. Figura sí, neste caso, na relación de camiños, pero non figura, como decimos no mapa de Google. E tampouco nos consta que alguén dixese algo o respecto. 

 Conformistas! Somos moi conformistas! Demasiado, decimos nós, porque toda esa "información" que falla, non repercute positivamente nas poboacions vencelladas a ruta xacobea denominada Camiño Portugués pola Costa ou Monacal.  Ou se queren Camiño Portugués pola Costa, que é á denominación que adoita empregarse na devandita web do XACOBEO Galicia.

 Desde este modesto xornal dixital demandamos que sen demora se subsanen as eivas que vimos de indicar, porque levamos demasiado tempo aturando eses despropósitos e coidamos que xa é hora de que se faga un uso axeitado dos recursos dos que dispomos. Dos naturais, patrimoniais,..., e por suposto, dos cartos de todos.

 Agardamos que máis cedo que tarde se reparen os "esquecementos" sinalados, e se lle de o Camiño Portugués pola Costa ou Monacal, o rango e a consideración efectiva, é decir difusión, conservación, limpeza, posta en valor, sinalización, etc., que lle corresponde no conxunto dos camiños xacobeos, e por suposto que se inclúa no Plan Director do Camiño de Santiago 2015 - 2021.

 O Camiño Portugués pola Costa ou Monacal posúe moitos atractivos que están facendo que esa ruta xacobea sexa toda unha revelación. Así o acredita o crecente número de camiñantes que procedentes de Portugal están deixando súas pegadas por terras do Baixo Miño, Val Miñor e Val do Fragoso.

Por iso formulamos á pregunta que encabeza este artigo: Quen pretende ignorar o Camiño Portugués pola Costa ou Monacal?



Ningún comentario:

Publicar un comentario