Santiago Lamas e Alfonso Mato gañan o Premio Ramón Piñeiro de ensaio
O xurado recoñeceu a súa obra “De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo”, que trata o tema da viaxe que en 1927 fixeron a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey
O Premio Ramón Piñeiro convócano anualmente a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais a Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; e Amalia Baltar, en representación de Gas Natural-Fenosa, deron a coñecer esta mañá o nome da obra gañadora nunha rolda de prensa
Infogauda / Santiago de Compostela
A obra “De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo”, da que son autores Alfonso Mato e Santiago Lamas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015, que organizan conxuntamente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria – a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- e a Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; e Amalia Baltar, en representación de Gas Natural-Fenosa, deron a coñecer esta mañá o nome da obra gañadora nunha rolda de prensa na que tamén estiveron presentes Luis Alonso Girgado e Carlos Lema, membros do xurado.
O ensaio premiado nesta décimoquinta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o ano próximo, trata o tema da viaxe que en 1927 fixeron, a Santo André de Teixido, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey. En “De camiños, viaxeiros e caminantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo”, os autores desenvolven unha reflexión profunda e suxestiva sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura. O texto dialoga desde a actualidade cunha Galicia europea de inicios do século XX, mediante un estilo aberto e rico que, de xeito ameno, nos interroga sobre os grandes desafíos da Galicia de hoxe.
O xurado -que estivo formado por Luís Alonso Girgado, Lourenzo Fernández Prieto, María López Sández, Dolores Vilavedra, e Carlos Lema, como secretario con voz e voto- concedeu o premio por unanimidade e salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles. O fallo produciuse esta mañá nunha xuntanza celebrada no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Consellería Autores
Santiago Lamas (Pontevedra, 1944), psiquiatra, é autor, entre outros títulos, de ‘Galicia borrosa’ (2004), ‘Ferrín e outras historias’ (2007), ‘Fíos e lecturas’ (2011) e ‘Fisterras atlánticas’’. Foi Premio Fernández del Riego de xornalismo en 2008.
Alfonso Mato é historiador e documentalista. Traballou na Gran Enciclopedia Gallega e no Instituto Galego de Información que dirixiu en Santiago de Compostela Isaac Díaz Pardo. É autor de diversos traballos sobre a historia e a cultura da Galicia contemporánea, como o que lle dedicou ao Seminario de Estudos Galegos. Ademais, ten colaborado en obras colectivas, como a edición crítica do ‘Sempre en Galiza’ de Castelao ou ‘Ánxel Casal, un editor para un país. Catálogos de Lar e Nós’.
Ningún comentario:
Publicar un comentario