12 de dec. de 2015

A GUARDA

O Concello acolle a exposición ‘A Paz Cuestión de Fondo’ 

A concelleira de Cultura, Elena Baz Rodríguez, ollando a mostra ‘A Paz Cuestión de Fondo’
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda acolle a mostra ‘A Paz Cuestión de Fondo’, organizada dende a OMIX en calidade de membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A exhibición xa está aberta o público e permanecerá na vila ata o próximo 8 de xaneiro.   

 A exposición, integrada por viñetas elaboradas por 28 autores de 16 países diferentes, convida a reflexionar sobre a pobreza como unha forma de inxustiza social que xera exclusión, racismo e violencia. Do mesmo xeito, a falta de oportunidades impídelle á sociedade medrar en condicións de dignidade, o que aumenta as diferenzas sociais e agudiza o abismo entre ricos e pobres. O Fondo Galego de Cooperación entende que o desenvolvemento sostible non é posible neste contexto, por iso quere contribuír a crear un clima de opinión favorable á promoción dunha nova orde económica internacional, sen excluídos nin perdedores.  

 Os paneis da exposición ‘A Paz Cuestión de Fondo’ pretenden achegar á cidadanía os conceptos básicos necesarios para unha comprensión axeitada da paz nun sentido amplo, os factores que a ameazan e mais os instrumentos e actitudes que contribúen a promovela. Trátase de que nenos e adultos entendan que a paz non é só a ausencia de guerra, pois existen outros tipos de violencia que atentan contra ela. Ao mesmo tempo, inténtase desenvolver nos máis novos un espírito crítico coa realidade.  

 O Concello de A Guarda convida a todos os veciños da vila a achegarse e desfrutar da exposición que se exhibe tanto na planta baixa coma no primeiro andar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario