A Xunta reafirma a través do “Proxecto Terra” o seu compromiso coa ordenación do territorio e a preservación da paisaxe
A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, destaca que os plans xerais de ordenación municipal integrarán por primeira vez criterios de integración paisaxística, unha novidade recollida na nova Lei do solo
Na normativa, neste momento en tramitación parlamentaria, recoméndase tamén a utilización de materiais acordes co entorno e o uso de cores tradicionais para as edificacións
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, lembra que Galicia é a primeira comunidade en incorporar neste curso a materia de Paisaxe e Sustentabilidade, que se imparte entre máis de 600 alumnos de 1º de ESO
Os responsables de Medio Ambiente e Educación participaron hoxe nunha xornada monográfica sobre paisaxismo e educación, na que se presentaron distintos materiais didácticos
Beatriz Mato e Román Rodríguez na presentación do libro
Foto: Xoán Crespo
Infogauda / Galicia
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou na mañá deste sábado, día 7 de novembro, que por primeira vez os plans xerais de ordenación municipal deberán definir como se materializarán e aplicarán os criterios de integración paisaxística, para que as construcións e instalacións se adapten á contorna.
A titular de Ordenación do Territorio participou este sábado, xunto co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, na presentación do libro Pagus. Galicia, un país de paisaxes, e outros materiais divulgativos enmarcados no “Proxecto Terra” onde engadiu que esta novidade é un dos fitos da nova Lei do solo. A modo de exemplo, recordou que as formas e os materiais deberán ser acordes co entorno e as cores das edificacións serán as tradicionais; xa que con estas pautas tamén se potencia a rehabilitación de calidade e se fomentan as formas propias de Galicia, rendibilizando o patrimonio. Ambos mandatarios reafirmaron o compromiso do goberno galego coa ordenación do territorio e a preservación do patrimonio, a través de iniciativas como o devandito “Proxecto Terra”.
Na súa intervención, a responsable de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio incidiu en que a Lei do solo recolle un triplo obxectivo: a ordenación territorial, o desenvolvemento rural e a protección da paisaxe; é dicir. Na nova lei, explicou Mato, a paisaxe -entendida como interese xeral- prevalece sobre a propiedade particular. “Coñecer, protexer e preservar é coidar do pasado, presente e futuro de cada un de nós”, recalcou.
Constante cambio
Beatriz Mato sinalou que a paisaxe é unha realidade en permanente cambio, en ocasións por circunstancias naturais e outras pola acción humana; neste senso, está nas mans de todos construír unhas paisaxes ordenadas e sostibles.
Lembrou que o Goberno galego traballou desde o primeiro momento para acadar os instrumentos e recursos necesarios e para iso cóntase coa Estratexia da Paisaxe Galega 2014-2016, que establece a elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia, unha ferramenta fundamental para a ordenación, mellora e restauración dos elementos que compoñen o noso territorio.
Este documento está constituído polas Directrices e o Catálogo das Paisaxes de Galicia. Este último acaba de pechar o seu proceso de participación voluntaria con máis de 200 axentes sociais e particulares nos 12 talleres divulgativos.
Proxecto Terra
Durante a presentación do libro Pagus. Galicia, un país de paisaxes, a conselleira puxo en valor o Proxecto Terra, no que se enmarca esta publicación e que foi impulsado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e que ten por finalidade conseguir que a cidadanía perciba a ordenación do territorio e o urbanismo responsable como un piar da sociedade e no que a Xunta vén colaborando dende o ano 2003.
Asemade, desde o Instituto de Estudos do Territorio puxéronse en marcha iniciativas que afondan nese camiño, como a Axenda 21 Escolar de Galicia, 12 meses 12 paisaxes ou o programa Paisaxe e sustentabilidade, en colaboración coa Consellería de Educación, e no que participaron 24 centros, case 200 docentes e máis de 3.000 alumnos no curso 14-15. Por último, salientou que a conciencia social entre os máis novos é un aspecto fundamental para a protección e conservación da paisaxe galega, polo que “todos temos unha responsabilidade coa paisaxe do presente e do futuro”.
Primeiros en ofertar a materia de Paisaxe e Sustentabilidade
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez reiterou a importancia do Proxecto Terra no eido educativo e a súa contribución á mellora do coñecemento que os escolares deben ter da nosa arquitectura e identidade territorial. De feito Galicia é a primeira comunidade autónoma en incorporar neste curso a materia de Paisaxe e Sustentabilidade como disciplina libre configuración autonómica e de elección de centro, e que se está impartindo entre máis de 600 alumnos e alumnas de 1º de ESO de 14 centros educativos. Precisamente, ao longo da xornada de hoxe presentaranse as novas unidades didácticas sobre Paisaxe, que xa foron enviadas de xeito gratuíto a todos os centros de Secundaria de Galicia.
Segundo explicou Román Rodríguez, a incorporación desta materia ao currículo permitirá espertar entre os escolares a cultura da curiosidade e do coidado polo noso territorio; e augurou “resultados proveitosos” neste proceso educativo a medio e longo prazo porque “as xeracións máis novas, pouco a pouco valorarán máis estes aspectos e coidarán máis do Territorio”, concluíu.
Así mesmo, dentro do Plan Proxecta de innovación educativa que leva catro anos funcionando, o conselleiro comprometeuse a seguir promovendo entre o alumnado a importancia da xestión intelixente do territorio; e fomentando a pertenza a unha comunidade e o respecto pola preservación do patrimonio e a paisaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario