O POETA FRANCISCO ÁLVAREZ - KOKI PRESENTOU "SOMBRA DE LUNA", NA CASA DAS CAMPÁS
O relatorio arredor dese poemario foi organizado polo Ateneo de Pontevedra
Portada do libro: obra do pintor Claudio Vasconcellos Cabral (Caíno).
Fotografía de Francisco Álvarez - Koki: Aguinaldo Fructuoso
Infogauda / Pontevedra
O Salón de Actos da Casa das Campás (rúa de Don Filiberto, 9-11), na cidade de Pontevedra, acolleu na noitiña deste martes día 10 de novembro, un relatorio arredor do libro de poemas "Sombra de luna", do poeta e escritor, Francisco Álvarez - Koki (A Guarda, 1957), e publicado polo Grupo Editorial Sial Pigmalión, de Madrid.
De esquerda a dereita, Antón Sobral; Pablo, da editorial Sial Pigmalión; o poeta Koki, e Miguel Pereira, que presentaron o libro
Foto: Loli Estévez
Foto: Loli Estévez
O evento cultural, organizado polo Ateneo de Pontevedra, contou coas intervencións de Antón Sobral, do Ateneo; Miguel Pereira (arquiveiro da Deputacion Provincial), Basilio Rodríguez Cañada (editor) e de Francisco Álvarez - Koki, que recitou varios poemas.
Na imaxe, vista parcial da sala de actos da Casa das Campás, onde podemos ollar, entre outras persoas, ás irmás e a filla do escritor Eliseo Alonso; o pintor Caíno Vasconcellos e Mané Villa Troncoso
Foto: Loli Estévez
Foto: Loli Estévez
Compre salientar que entre o respectable público que asistiu a ese acto cultural, estivo unha representación de veciños de Goián, como Alicia María Alonso Rivas, Mané Villa Troncoso, Magín Xulio Picallo Durán,..., e de Tomiño, como Xosé Antúnez Pousa,..., así como Caíno Vasconcellos Cabral, de Baiona, entre outras persoas, que quixeron estar a carón de Álvarez – Koki nese relatorio.
SOMBRA DE LUNA
Como recoñece o propio autor, Sombra de luna naceu do duende, foron estes poemas a primeira visión do poeta coa gran cidade. Nela, palpa a desorde dun mundo que necesita ser inventado. O poeta presta a súa voz e canta á présa diaria e ao negro de Harlem. O poeta, sobe polos rañaceos, rascaleches (como dicía Lorca). Canta ao amor desde os tellados dun pobo inventado. Sombra de luna, é a radiografía do autor con Nova York, é a dor dun corazón que sangra tinta, que salpica paxinas en branco. A dor e a alegría da palabra que navega no Hudson sempre ao fío do naufraxio. Sombra de luna será sen dúbida a identidade do poeta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario