A presidenta da Deputación de Pontevedra firma un convenio coa alcaldesa de Oia e cos alcaldes de A Guarda e do Rosal para a sinalización dunha ruta de BTT
A presidenta da Deputación destacou a importancia do acordo entre estes tres concellos manifestando que "os novos tempos políticos marcan este modelo baseado na coordinación e cordialidade"
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva - no centro da imaxe -, asinando coa alcaldesa de Oia, Rosa María Otero Carballa, e cos alcaldes de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e do Rosal, Jesús María Fernández Portela, o convenio de colaboración para a sinalización dunha ruta de BTT polo suroeste da provincia de Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, firmou coa alcaldesa de Oia, Rosa María Otero Carballa, e cos alcaldes de A Guarda, Antonio Lomba Baz, e do Rosal, Jesús María Fernández Portela, un convenio de colaboración para a sinalización dunha ruta de BTT polo suroeste da provincia de Pontevedra.
Carmela Silva quixo destacar sobre o acordo que "os novos tempos políticos marcan este modelo baseado na coordinación e cordialidade entre concellos". Ademais, subliñou que o proxecto de sinalización do percorrido pola serra da Groba permitirá percorrer a ruta "non soamente durante a celebración da BTT senón de forma permanente durante todo o ano". Igualmente, Silva destacou a importancia deste convenio polo seu dobre obxectivo, xa que "por un lado impulsa a práctica do deporte durante todo o ano pero tamén pon en valor a extraordinaria riqueza paisaxística e patrimonial da zona".
Pola súa parte, o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz, agradeceulle á Deputación o seu apoio na firma deste convenio, "xa que conseguimos así darlle un carácter de permanencia a esta ruta de BTT, permitindo que calquera que queira tanto realizar a proba coma percorrer a ruta poida seguila durante todo o ano con total seguridade".
A alcaldesa de Oia, Rosa María Otero Carballo, deulle as grazas á Deputación por "potenciar este nexo de unión entre os tres concellos que esperamos que se estenda ademais a outras actuacións". Ao respecto da sinalización da ruta a alcaldesa manifestou que "permitirá que sexa permanente no tempo e que, en calquera época do ano, se poida percorrer en bicicleta ou ben camiñando".
Xa para rematar o alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, destacou que a sinalización da ruta conseguirá "poñer en valor durante todo o ano unha zona repleta de atractivos turísticos ao tempo que se practica deporte".
Desde o ano 2009 os concellos de A Guarda, Oia e O Rosal, coa axuda dos clubs ciclistas de cada unha das localidades, veñen organizando, entre outubro e novembro, unha marcha en BTT de aproximadamente 35 quilómetros percorrendo os montes do sur da serra da Groba. O interese que espertou a ruta fixo que afeccionados ao ciclismo pero tamén ao sendeirismo comezasen a percorrela durante todo o ano. Neste contexto, e co obxectivo de fomentar a permanencia da ruta, os tres concellos polos que discorre contarán, grazas á Deputación de Pontevedra, con tres paneis informativos que darán a coñecer os valores patrimoniais e naturais da zona, 50 sinais indicadores cos seus respectivos postes de soporte e 50 postes para balizas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario