3 de xul. de 2015

GALICIA

FEAFES Galicia reunirá o sábado a 200 persoas en Santiago no IX campionato de balompé “Todos polo fútbol” 

Os encontros, nos que participan 8 equipos de persoas con enfermidade mental, terán lugar no Pavillón de Santa Isabel (Santiago de Compostela) dende as 10:00 da mañá. 

O obxectivo do encontro é promover o deporte entre as persoas deste colectivo e fomentar a práctica de ocio normalizado.


Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, celebra este sábado 4 de xullo a final do IX campionato de balompé “Todos polo Fútbol”, un encontro deportivo no que participarán dez equipos de oito asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma.

 O torneo terá lugar a partir das 10:00 da mañá, no Pavillón de Santa Isabel, en Santiago de Compostela. Disputaranse diversos partidos ó longo de toda a xornada ata que estea decidido quen xogará a final, que terá lugar ás 16:30 da tarde. Finalmente, ás 17:30 realizarase unha entrega de premios ó equipo gañador. 

 Dende marzo ata xuño, os dez equipos que participan na liga de FEAFES Galicia enfrontáronse nunha serie de partidos que conclúen nesta final, disputada con encontros de 30 minutos de duración seguindo o modelo dos play-off. Os equipos participantes pertencen a oito entidades federadas en FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Apem (A Coruña, Cambre e Cee), Doa (Vigo e Cangas), FEAFES Vigo, Lar (Vilagarcía), Lenda (Redondela), Morea (O Barco) e Portanova (Narón).  FEAFES Galicia estima que neste evento participarán arredor de 200 persoas entre participantes e acompañantes, pois trátase dunha actividade que conta cunha gran participación e interese por parte das asociacións membro.

 O evento, organizado polo departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuizos que se asocian a estas persoas. 

 As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes da federación axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores.  

 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 6.200 socios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario