Presentación-recital do poemario ARGOLA de Marta Dacosta na libraría Ler na Guarda
Vela ao Vento / A Guarda
Este venres, ás oito e media da tarde teremos a oportunidade de coñecer a través da palabra da propia autora este libro de poemas onde atopamos un claro compromiso coa liberación das mulleres e dos pobos. Desde unha perspectiva de xénero, asumida pola autora, a semente da rebelión, a necesidade de romper a argola da escravitude permanece viva na fértil memoria feminina. O destino necesario e ineludible é a liberdade.
A autora, coñecida na nosa vila por ser o lugar onde traballa, ten unha xa longa traxectoria poética. Comezou a publicar moi nova, sendo estudante en diversas revistas e xornais. En 1994 sae á luz o primeiro libro Crear o mar en Compostela. Desde aquela e deica hoxe virán diversos libros e premios, que recoñecen o valor e a forza dunha poesía construída con palabras limpas e claras, coma a auga tan presente. É a de Marta unha obra comprometida coa liberdade. Unha obra que honra a memoria e a lingua de noso e recolle o froito recibido e ofréceo xenerosamente multiplicado.
O acto está organizado pola Asociación Cultural Vela ao Vento, que comeza a súa andadura na Guarda, en colaboración co Grupo de Acción Feminista do Baixo Miño e coa Librería Ler.
Ningún comentario:
Publicar un comentario