5 de xuño de 2014

LABORAL

Terán contratos de 25 horas semanais e seis meses de duración
A DEPUTACIÓN DESTINA 510.000 EUROS A FINANCIAR A CONTRATACIÓN DE 122 DESEMPREGADOS DO BAIXO MIÑO E VAL MIÑOR


·       A Xunta de Goberno autorizou esta mañá a concesión das subvencións, no marco dun Plan de Emprego dotado con 3,2 millóns
A Deputación destina máis de 510.000 euros aos concellos das comarcas de Baixo Miño e Val Miñor para facilitarlle a contratación de 122 persoas, no marco do Plan de Emprego que impulsa a Deputación de Pontevedra.
Así se desprende do acordo adoptado esta mañá pola Xunta de Goberno e na que se acordou conceder subvencións a todos os concellos destas comarcas para que poidan contratar operarios con destino ao mantemento de bens e servizos básicos de titularidade municipal.
A concesión destas achegas permitiralle aos concellos axilizar ao máximo a selección e contratación dos traballadores, que comezarán o seu labor o vindeiro un de xullo.
A Deputación destina un total de 3,2 millóns de euros a esta finalidade, co obxectivo de permitir a contratación dunhas 800 persoas que nestes momentos carecen de prestación e que se atopan en situacións especialmente difíciles.
De feito, os concellos, que realizarán as contratacións a través do Servizo Público de Emprego, terán que dar preferencia aos aspirantes que carezan de ingresos, teñan as rendas máis baixas e teñan cargas familiares.
O plan da Deputación beneficiará a todos os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que contarán con entre 6 e 20 operarios en función da poboación.
6 concellos percibirán máis de 71.000 euros cada un
Os tres concellos do Val Miñor, así como Tomiño, Tui e A Guarda no Baixo Miño, percibirán 71.091,96 euros cada un, destinados á contratación de 17 operarios por concello.

Os dous concellos restantes, Oia e O Rosal, recibirán respectivamente 33.455,04 e 50.182,56 euros cada un para poder contratar a 8 e 12 operarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario