PONTEVEDRA ESPERA A DECISIÓN PARA CONVERTERSE NA ANFITRIOA DA XXI
EDICIÓN DO CONCURSO MUNDIAL DE BRUXELAS, DO SECTOR DO VIÑO PARA O 2015
·
Supón una oportunidade para a D.O. Rías Baixas para
reforzar a súa posición internacional.
·
A edición do presente ano terá lugar en Bruxelas do
2 ao 4 de maio con motivo do seu 20 aniversario.
A Deputación de
Pontevedra espera a decisión final do comité organizador da “XXI Edición do
Concurso Mundial de Bruxelas en Rías Baixas 2015”, para converterse na sede
anfitrioa que acolla este evento de ámbito internacional, un dos máis
recoñecidos e prestixiosos concursos mundiais do sector do viño.
Trala visita realizada
durante a xornada de onte e hoxe do presidente do concurso, experto da FAO e
director xeral de Vinopress, Baudouin Havaux
xunto ao asesor do Parlamento Europeo e da Comisión de Desarrollo Rexional, José Manuel Revuelta, ademais de outros técnicos que analizaron e
comprobaron estes días as infraestruturas, adegas e estruturas vinícolas, entre
as que están Lagar de Pintos, Pazo Baión, Pazo de Fefiñáns, Salón de Congresos
José Peña de Cambados, Consello Regulador da DO Rías Baixas en Pontevedra, a
Praza de Abastos da cidade, ou o Pazo de Congresos de A Toxa, se estuda a
posibilidade de que organismo provincial albergue a vindeira edición do
concurso vinícola.
O presidente da Deputación xunto aos
responsables do evento, analizaron hoxe en rolda de prensa as posibilidades do
proxecto presentado polo organismo provincial. Deste xeito Juan Manuel Revuelta
destacou que se trata “dunha aposta pola innovación, o emprego e o
emprendemento, así como pola xestión dos fondos europeos a través do proxecto
LIFE viñas atlánticas, Pousadas ou o Programa Rutas dos Salnés”. Por outra
banda fixo fincapé na “necesidade de traballar nun proxecto común para
conseguir a internacionalización do sector traballando no contexto do horizonte
2020”.
Neste senso Rafael Louzán destacou a
oportunidade que supón para Pontevedra e a D.O. Rías Baixas acoller este evento
xa que significa “unha aposta pola calidade do sector e os procesos de
internacionalización e á hora de reforzar a súa posición no mercado nacional e
internacional”. Ademais, incidiu na gran importancia da D.O. Rías Baixas á hora
de xerar traballo, con máis de 10.000 familias que hoxe viven deste sector,
aportando máis do 7% dos empregos directos dos concellos nos que se asenta,
porcentaxe que se eleva ata o 12 % nas épocas de vendima con especial
incidencia na Comarca do Salnés, na que a D. O. Rías Baixas supón máis do 13 %
dos empregos fixos, e o 20% cando se suman as contratacións eventuais.
Pola súa
parte, Baudouin Havaux destacou as características propias dos viños atlánticos
e da D. O. que tivo a oportunidade de coñecer de primeira man e que definiu
como “emblemáticos” e cunha gran necesidade de potenciación xa que existe unha
idea falsa do que son os viños españois, ás veces tan só representados pola
Rioxa ou A Mancha. Havaux manifestou ademais o seu interese por volver e atraer
aos paraxes das Rías Baixas aos mellores expertos, catadores e xornalistas
internacionais para dar a coñecer os viños da comarca e que a decisión final da
celebración do concurso se coñecerá tras estudar diversas propostas e cara a
finalización do concurso que este ano se celebrará en Bruxelas.
Concurso
de renome internacional
Este prestixioso concurso celebrado por primeira vez na
cidade belga de Bruxas, foi creado en 1994 e foi adquirindo un gran prestixio
que hoxe o dotan de fama e recoñecemento internacional de xeito que é o equivalente
a un Campionato Mundial de cata no que concursan 8.000 viños de máis de 40
nacionalidades, que representan a máis de 500 millóns de botellas
comercializadas.
O concurso, que xa celebrouse en pasadas edicións en
Lisboa, Maastricht, Burdeos, Valencia, Palermo, Luxemburgo, Guimaraes e
Bratislava, volverá a celebrarse este ano na cidade que o viu nacer, Bruxelas, con motivo
do seu 20 aniversario, do 2 ao 4 de
maio. Contará cun xurado formado unicamente por
profesionais do sector do viño con catadores, enxeñeiros, enólogos, xornalistas
e escritores, compradores e operadores internacionais, sumilleres e expertos
recoñecidos no mundo vitivinícola.

Ningún comentario:
Publicar un comentario