PRESENTACIÓN DA “RUTA MÁXICA DE OIA”
O acto contará coa presenza dos autores do proxecto, Fernando Javier Costas Goberna (ACAMO e IEV) e Manuel Ángel Pombal Diego (UVIGO e ANABAM).
Vista parcial das inmediacions do mosteiro e do porto pesqueiro de Oia
Foto: Antonio José Uris Alonso
Asociación de Amigos do Mosteiro de Oia (ACAMO)
Este xoves, 4 de xullo ás 17.00 h, terá lugar a presentación da Ruta Máxica de Oia aos medios de comunicación na oficina de información e turismo de Oia, sita en Plaza Centinela s/nº, Santa María de Oia.
A Ruta Máxica de Oia, aproveita as pistas forestais de servizo que percorren a ladeira occidental da serra da Groba, polas parroquias de Santa María de Oia, San Mamede de Pedornes, San Miguel de Viladesuso e Santa Uxía de Mougás, para articular un percorrido de 20 km na súa totalidade que, combinando patrimonio natural e patrimonio histórico, pon ao alcance do visitante lugares de interese especial.
Na baixamar, no porto de Oia, ainda se poden ollar os restos dunha camboa
Foto: Antonio José Uris Alonso
As actuacións levadas a cabo nos últimos anos polas respectivas comunidades de montes, nas contornas dos petróglifos da Pedreira (Oia) e A Pousadela (Pedornes), nas Sobreiras do Faro (Viladesuso), así como no recinto fortificado e petróglifos adxacentes da Cabeciña (Mougás), todos eles elementos craves da Ruta Máxica de Oia, posibilitaron a realización da mesma. Para facilitar o acceso desde O Viveiro á zona de Outeiros do Morouzo, enclave de gran interese polos seus gravados e impoñentes vistas, pero pouco visitado por atoparse desviado da estrada principal, habilitáronse uns 200 m de pista forestal. Ademais acondicionáronse e rozáronse os accesos a algunhas das áreas de maior interese.
Do total de 17 áreas de obrigada parada presentes no percorrido, en 10 delas pódese gozar de impresionantes vistas sobre a costa rochosa de marcado relevo e os núcleos de poboación das catro parroquias pola que discorre. Nove destas áreas inclúen grupos de petróglifos e en dúas delas tamén se poden observar os restos de dous recintos fortificados. Por outra banda, tamén se pode observar a característica orografía da ladeira occidental da serra da Groba coas súas pronunciadas pendentes sobre a rasa atlántica e os seus campos de cultivo. Outros accidentes xeográficos a destacar son o marcado canón do río Broi, os múltiples regatos que, sobre todo en épocas de choiva, tinguen de branco a súa canle ao estar cheos de fervenzas debido ás fortes pendentes, ou as numerosas pozas de baño que albergan, destacando as afamadas pozas de Mougás. En canto á flora cabe sinalar o sobreiral (Quercus suber) de Sobreiras do Faro, considerado o bosque mediterráneo máis occidental de Europa, ou os fentos xigantes (Dicksonia antarctica) presentes no río de Vilar. Dentro do reino animal, ademais da presenza de cabalos, vacas, ovellas e cabras, pódense observar outras especies de mamíferos tales como coellos ou xabarís, numerosas especies de aves, destacando a presenza de aves rapaces, así como case a totalidade de especies de réptiles e anfibios presentes na comarca do Baixo Miño, incluíndo a salamandriña galega ou rabilonga (Chioglossa lusitanica), un endemismo do noroeste peninsular.

Unha axeitada sinalización facilita o disfroite desta suxente Ruta
Foto: ACAMO
Os 35 postes direccionais de madeira tratada xa colocados, os cales inclúen as distancias aos puntos máis próximos nos dous sentidos da ruta, cobren todas as interseccións de interese ao longo do percorrido, permitindo ao camiñante saber en todo momento onde se atopa ou que dirección tomar; así mesmo, isto permite facer a ruta completa, ou de forma parcial, segundo o tempo do que se dispoña.
Vista parcial do claustro do Mosteiro de Santa María de Oia
Foto: Antonio José Uris Alonso
Comezando o percorrido en Santa María de Oia, no km 2 da estrada da Valga,
a ruta arrinca cunha paisaxe excepcional desde o mirador da Pedreira sobre o
porto de Oia e o seu mosteiro cisterciense; ademais, ponnos en contacto cos
primeiros petróglifos do percorrido, aos que seguirán os do Río Vilar
(Figueirido), Alto do Visiño, Outeiros do Morouzo e A Pousadela, permitíndonos
gozar dun variado repertorio iconográfico a base de motivos xeométricos,
representacións humanas e de animais, así como das famosas embarcacións
presentes na contorna de O Viveiro.
Na Pousadela deixamos Pedornes e entramos na parroquia de Viladesuso
dirixíndonos cara ao fondo do espectacular canón do río Broi e o seu magnífico
bosque de sobreiras (alcornoques) catalogado como espazo privado de interese
natural pola Xunta de Galicia. De aí continuaremos en lixeiro ascenso cara ao
recinto fortificado de Cano dos Mouros cunha ampla panorámica sobre a paisaxe
da parroquia e do propio canón, ao cal pecha pola súa cara norte.
Cano dos Mouros supón a transición cara ao Norte á parroquia de Mougás,
onde un suave descenso lévanos cara aos gravados das Goteiras, ademais da
panorámica que nos ofrece o Outeiro da Cheira sobre o barrio da Granxa de
Mougás, orixinariamente granxa do mosteiro de Oia. Neste punto iniciaremos o
descenso cara ás fervenzas do río da Fervenza, o cal se continúa coas Pozas, un
lugar amplamente coñecido e recoñecido como zona de baño e descanso, e cos petróglifos
de O Pousiño ou as múltiples fervenzas dos regatos da contorna.
De aquí a ruta continúa cara ao Oeste cun pequeno desvío cara aos petróglifos
presentes na zona de Pedra Lan para finalmente levarnos ata a elevación da
Cabeciña, un conxunto arqueolóxico de gran interese polo seu recinto
fortificado e os seus singulares gravados rupestres, situados nun lugar de
panorámica espectacular.
Desde este enclave descéndese xa directamente cara á estrada provincial
PO-552 no barrio da Mata en Mougás.
Esta primeira fase complétase coa colocación de vallas informativas nos
dous extremos da ruta na carreta PO-552, así como no seu extremo sur na estrada
de subida á Valga (extremo recomendado como inicio de ruta). Nunha segunda
fase, colocaranse unhas 20 mesas informativas (dúas delas dobres) en distintos
puntos ao longo de todo o percorrido, seguindo o modelo da xa existente na
Pedreira. A colocación dalgunhas delas está pendente da correspondente aprobación
por parte de Patrimonio Histórico, xa que serán colocadas en zonas de interese
arqueolóxico. Así mesmo está en preparación a edición dun folleto informativo
sobre a ruta.
A posta en marcha da “Ruta Máxica de Oia” supón unha valiosa contribución
á oferta turística do concello de Oia, ao integrar na rede de recursos
turísticos do municipio valiosos elementos do patrimonio natural e histórico
que, sen dúbida, axudarán a consolidar o turismo na zona.
A realización desta ruta conta con financiamento do proxecto TEAM-Miño
“Transferencia de Ferramentas para a Avaliación, Ordenación, Xestión e
Educación Ambiental en Esteiros” para a adquisición dos diferentes elementos de
sinalización; o devandito proxecto está liderado pola Universidade de Vigo e
financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do
Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP)
2007-2013.
Ademais da Asociación Naturalista Baixo Miño
(ANABAM) e da Asociación de Amigos do Mosteiro de Oia (ACAMO), como entidades
promotoras, esta ruta conta coa colaboración do propio Concello de Oia, as
catro Comunidades de Montes en Man Común do litoral de Oia polas que transcorre
e de varias persoas que individual e desinteresadamente están colaborando tamén
en diferentes accións necesarias para poder completala con éxito.
Para máis información dirixirse á oficina de
turismo do Concello de Oia:
Correo electrónico: oit.concelloia@gmail.com
Teléfono: 986 362 225.