11 de out. de 2013

ECONOMÍA

RECUPERAR O DIÑEIRO DAS PREFERENTES POR VÍA XUDICIAL SERÍA MOI VIABLE PARA MÁIS DO 60% DOS ATENDIDOS NAS OFICINAS DA DEPUTACIÓN E UCGAL
O balance realizado pola Unión de Consumidores salienta que só un 7% dos asesorados recibira toda a documentación necesaria

·       Atendéronse preto de 2.000 persoas nas 9 oficinas abertas ao público noutros tantos concellos
·       As oficinas máis visitadas foron as de Pontevedra e Tui
·       Máis do 43% dos afectados supera os 60 anos e tan só un 11% tiña menos de 40 anos
Máis do 60% dos afectados por preferentes e subordinadas que acudiron a asesorarse ás oficinas postas en marcha pola Deputación de Pontevedra coa colaboración da Unión de Consumidores de Galicia teñen unha alta probabilidade de recuperar o seu diñeiro en vía xudicial.
Así se desprende do balance do traballo realizado nestas oficinas e que foi presentado esta mañá polo presidente da Deputación.
Nas 9 oficinas abertas ao público o pasado 18 de xuño e que prestaron asesoramento aos afectados durante 2 meses noutros tantos concellos da provincia (A Estrada, Cambados, Ponteareas, Cangas, Redondela, Vigo, Tui, Pontevedra e Lalín), atendéronse un preto de 2.000 consultas.
No 61% dos casos, a viabilidade da reclamación xudicial é alta, e noutro 24% media. En canto ao dereito a asistencia xurídica gratuíta, sería factible en torno a un 30% dos casos.
Idade avanzada
Outro dos datos que se desprende do balance é a idade avanzada da maioría das persoas vítimas da comercialización de produtos híbridos complexos, a falta de información sobre o produto que adquirían e a existencia dunha base de confianza á hora de mercalos.
Así, un 43% dos asesorados superaba os 60 anos e a penas o 11% tiña menos de 40 anos.
Ademais, no 70% dos casos o produto foille vendido pola súa entidade bancaria de referencia: pola sucursal e a persoa de máxima confianza e coa que realizaba todas as operacións financeiras.
No 93% dos casos, os asesores comprobaron que os afectados non recibiran toda a documentación necesaria para poder entender o que mercaban e tan só un 7% si recibira toda a documentación.
Pontevedra e Tui, as máis visitadas
En canto á distribución dos usuarios, foron as oficinas de Pontevedra e Tui as que rexistraron unha maior afluencia de persoas que solicitaban atención.
No caso de Pontevedra, o feito de ser a sede central da Deputación e estar aberta en horario de mañá e tarde influíu decisivamente nesta maior afluencia, dado que ata ela se desprazaron persoas procedentes de moitos puntos da provincia.
O caso de Tui é diferente, dado que o maior número de usuarios neste caso obedece, en boa medida, ao feito de estar situada nunha das zonas máis castigadas pola comercialización de preferentes e subordinadas, cubrindo concellos como híbridos A Guarda, O Rosal, Tomiño e o propio Tui.
 Reserva de accións
Os asesores que desenvolveron o seu labor nas oficinas postas en marcha pola Deputación e Unión de Consumidores de Galicia ofreceron en todo momento un asesoramento individualizado e confidencial, co obxectivo de poder analizar ao detalle as características de cada caso e ofrecer a información máis axeitada.
Así, o tempo mínimo de atención foi de 25 minutos por persoa, chegando en moitos casos a máis de 45.
Todos os usuarios recibiron, ademais, dous documentos clave: un que lle permitiu reclamar á oficina toda a documentación sobre o produto contratado, xa que á inmensa maioría dos atendidos non lle fora facilitada; e outro de Reserva de Accións, co obxectivo de que poidan reclamar a totalidade do seu diñeiro aínda despois de aceptar o mecanismo de liquidez do Fondo de Garantías de Depósitos.
Nesta liña, este documento de Reserva de Accións foi elaborado pola UCGAL de forma específica para o caso da venta de preferentes e subordinadas e de tal forma que non tivese os problemas que tiveron os documentos elaborados por outros axentes e que nalgúns casos non foron aceptados.

No caso dos entregados nas Oficinas de Asesoramento da Deputación, os afectados que queiran emprender accións legais para reclamar a parte de diñeiro que lle falta por recuperar, poderán facelo en base a ese documento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario