19 de abr. de 2013

OIA


A CIG-ENSINO reclama que se cubran as prazas de Educación Infantil


A CIG-Ensino reclamou na negociación de vacantes para o concurso de traslados que se dotase con profesorado defintivo o posto de Educación Infantil do colexio de Refoxos.

Esta praza está vacante desde o curso pasado en que á súa titular se lle concedeu traslado. Desde ese momento a praza foi reclamada polo centro, e neste curso a propia inspección educativa informou favorabelmente a cobertura da praza, pois non só hai un número de alumnos e alumnas suficientes, senón que se incrementarán de cara ao futuro. Estamos a falar dunha aula que conta con 17 alumnos nunha clase mixta de 3, 4 e 5 anos. Na primeira proposta de negociación entregada pola Administración figuraba esta praza.

Mais, malia o informe da inspección e a proposta inicial da Inspección de Pontevedra, a praza non aparece despois na relación de vacantes provisionais, motivo polo que, o propio centro a través dos canles preceptivos e a CIG-Ensino reclama novamente a cobertura desta praza, ofrecendo todos os datos que a avalan. A resposta de inspección é que se relcamará a cobertura da praza á Dirección Xeral, mais na relación definitiva de vacantes a praza segue sen aparecer, o que significa que, a pesar da necesidade a Consellaría se nega a cubrila cun profesor ou profesora con destino definitivo.

Desde a CIG-Ensino seguiremos a reclamar a cobertura desta praza e esixiremos do Xefe Territorial que se implique verdadeiramente na súa defensa.

A CIG-Ensino vén comprobando a deixadez da Administración con determinados centros, e isto é o que pasa co CEIP de Refoxos, un centro pequeno e apartado que non recibe a atención que precisa. En anos anteriores tivemos que denunciar a actitude da Administración remisa a cubrir os postos de traballo deste centro ou manter como é debido as instalacións. Neste momento estase reclamando desde o centro que se proceda ao illamento do ximnasio e á limpeza da caldeira, sen que nin o Concello de Oia ou a Delegación tomaran aínda cartas no asunto.


19 de abril de 2013
CIG-Ensino Baixo Miño

Ningún comentario:

Publicar un comentario