19 de abr. de 2013

PONTEVEDRA


Cunha duración de entre 430 e 650 horas, están orientados a facilitar a inserción laboral de persoas desempregadas
PONTEVEDRA E PONTEAREAS ACOLLERÁN OS 5 PRIMEIROS CURSOS DO PROXECTO AQUELANDO 3
·       A deputada Marta Iglesias participou hoxe na presentación dos catro cursos que se celebrarán en Pontevedra
A Deputación Provincial de Pontevedra pon en marcha a primeira edición do proxecto aQuelando3, con 5 cursos que se impartirán nas localidades de Pontevedra e Ponteareas e que darán comezo o vindeiro día 22 de abril.
En total serán 75 persoas desempregadas -15 en cada curso- as que teñan ocasión de mellorar o seu currículo e de recibir unha formación que lle facilite o seu retorno ou ingreso no mercado de traballo.
A deputada Marta Iglesias foi a encargada de presentar esta mañá os catro que se desenvolverán en Pontevedra e que versan sobre Implantación e animación de espazos comerciais  (que se impartirá no edificio Administrativo da Deputación e terá unha duración de 430 horas) e  Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en Institucións Sociais (500 horas), Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (650 horas) e Docencia da Formación Profesional para o Emprego (480 horas), que terán lugar nas instalacións do Centro Infantil Príncipe Felipe.
O obxectivo do proxecto aQuelando3 cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 80%, é facilitar a inserción laboral e o acceso ao mercado de traballo de persoas desempregadas por medio de accións formativas e outras medidas que contribúan a adaptar o seu currículo e o seu perfil profesional a ámbitos de emprego en auxe.
Nesta edición do proxecto celebraranse diversos cursos en varios puntos da provincia. Así, aos 4 que xa foron presentados en Pontevedra, sumarase o de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucions sociais que, cunha duración de 500 se impartirá tamén en Ponteareas; e os que en novas fases se irán organizando noutros puntos.
Requisitos dos alumnos
Para participar nestes cursos son requisitos indispensables estar desempregado e cumprir os requisitos de acceso que son, no caso dos cursos de atención sociosanitaria, estar en posesión do título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou equivalentes e o nivel de lingua galega Celga 2 ou equivalentes; e para os cursos de Docencia da formación para o emprego e de Implantación e animación de espazos comerciais ter o título de Bacharelato ou equivalente e o nivel de lingua galega Celga 3 ou equivalente.
Todas as acción formativas son presenciais e inclúen formación teórica e práctica, realizándose esta última nun lugar de traballo.
Ao remate de cada curso, os alumnos recibirán o correspondente certificado de profesionalidade en cada unha das especialidades, tal e como se establece nun convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Consellería de Traballo e Benestar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario