4 de ago. de 2012

CULTURA

O PINTOR CAÍNO VASCONCELLOS EXPÓN NA GALERÍA SARGADELOS DE BAIONA

Infogauda / Baiona

O pintor baionés, Caíno Vasconcellos Cabral expón unha selecta mostra da súa obra máis recente, na Galería Sargadelos - Rúa Carabela A Pinta, nº 5 - de Baiona. 
Vinte e ún cadros, de diferentes formatos, pintados todos eles ao óleo, configuran unha exposición que foi inaugurada na tardiña do pasado día 1 deste mes e que poderá visitarse ata o vindeiro día 15 do corrente. 
No acto da inauguración Caíno estivo acompañado por unha boa representación das súas amizades, como o empresario Luis Carlos de la Peña Arizaga, propietario do Hotel Pazo de Mendoza, e da cafetaría do mesmo nome; ou o poeta guardés afincado en New York, Francisco Álvarez -Koki, e súa dona Loli, entre outras persoas.
Para efectuar á presentación do pintor baionés Caíno Vasconcellos, interviu Luis Carlos de la Peña, quen salientou  a traxectoria artística do pintor, que ten seu estudo no Loureiral e que leva unha morea de anos adicado á creación pictórica. Carlos de la Peña tamén relembrou o compromiso de Caíno co seu pobo, súa sensibilidade polo patrimonio cultural da vila baionesa e seu esprito crítico.
Rematada á intervención de Luis Carlos de la Peña, foi servido un viño galego acompañado por outros saborosos productos de Galicia.
Caíno é un artista que ten un amplo currículo de exposicións  colectivas e individuais. Súa obra está presente en destacadas coleccións particulares. Tén exposto en varias cidades de Galicia, e tamén en New York e Madrid, acadando moi boa acollida por parte do respectable público. Súa obra xa foi presentada na Casa de Galicia en Madrid, onde voltará á expor en Abril de 2013. 
A exposición que Caíno presenta estes días na Galería Sargadelos de Baiona, amósanos ás creacións características deste pintor: Caras de nenos, figuras, paisaxes,...
Na obra de Caíno latexa unha persoalidade inconformista, que se reflicte na seus cadros a traverso de veladuras e pinceladas de diferentes rexistros matéricos, nas cales as tonalidades quentes contrastan coas súas antagonistas, formando un harmónico equilibro, que nos convida a unha íntima e gozosa contemplación.
Caíno xa é un artista consolidado, o cal lle permite expresar nas súas creacións todo aquilo que agroma no seu maxín. Maternidades, figuras espidas, nenos, mariñeiros, mulleres no mercado, feiras, romarías, nocturnos,...
Acompañado dos seus inseparables cadeliños, Caíno leva unha vida ascética, diríamos mesmo franciscana, volcado na súa labor cotiá, creando a beleza que agora, nesta exposición da Galería Sargadelos de Baiona, nos amosa con lóxica satisfacción. Que saibamos goza-la xa depende de nós. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario