12 de xul. de 2012

A GUARDA


AS IMAXES DA GUARDA COMPÁRTENSE NO PROXECTO SOCHEO

·        O Proxecto Socheo quere sacar á luz o patrimonio audiovisual local coa colaboración de todo aquel que garde imaxes de caracter histórico e con valor cultural.
·        Gravaranse tamén a persoas maiores, tradicións e aspectos sociais
·        Xa é posible acceder a algunhas pezas rescatadas na canle de Socheo en Internet

Localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda. Estes son os obxectivos que se marca o Proxecto Socheo, unha iniciativa cultural co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.

É un proxecto aberto que procura a colaboración dos veciños e que quere ser o xerme para que o Concello inicie os pasos para crear o Arquivo da Imaxe da Guarda.


Fases do Proxecto Socheo

O proxecto Socheo vai contar con tres fases. Nun principio abrirase á xente para que esta colabore aportando material que pode ter por casa. En contrapartida, estas imaxes analóxicas se dixitalizarán e se editarán adecuadamente sen ningún custe para o particular.

Despois farase unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza.

E finalmente gravaranse tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural da Guarda.


Dispoñible para os interesados

A maior parte este traballo vai estar a disposición da xente en Internet, a través dunha canle en Youtube que leva o nome de Proxecto Socheo. Nas súas listas de reproducións xa se pode visionar máis de trinta películas de distinta procedencia desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a evolución do proxecto por Facebook e Twitter.

Segundo os seus responsables aínda queda moito material por que vexa a luz, especialmente material gravado por emigrantes, por turistas e por mariñeiros. Outro material proclive a ser estudado e conservado sería todo o arquivo de Canal50, a televisión local da Guarda que reflectiu a vida da vila e arredores ao longo da década dos anos 90.

Socheo, a última fase da preamar

“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar. Ao fronte desta iniciativa está o cineasta Xurxo Chirro que encabeza un grupo de técnicos e especialistas no eido da historia e dos audiovisuais que traballan en prol de atinxir eses obxectivos.

Segundo o responsable: “vivimos nunha sociedade onde hai unha profusión desmesurada de imaxes e, para darlles maior utilidade, hai que atopalas, clasificalas, ordenalas e poñelas a disposición de posibles interesados. A idea e intentar rescatar o pasado, reestruturalo no presente e redimensionalo cara o futuro”.
  
O Proxecto Socheo pretende minorar a fraxilidade da memoria da Guarda e proxectala ao mundo enteiro a través da rede. Para facer isto preténdese empregar as ferramentas tecnolóxicas de balde que xa están dispoñibles para todo o mundo. Por medio desta plataforma preténdese chamar a atención pola idoneidade de salvagardar este material para o orgullo de todas as xeracións de guardeses.

Do mesmo xeito, quérese que esta preocupación se faga extensiva tamén ao material fotográfico que compoñen os distintos arquivos que andan ciscados por distintas mans e que poderían enriquecer, dun xeito decisivo, o patrimonio cultural da Guarda.

A este proxecto xa se adheriron moitos persoeiros e institucións culturais da Guarda. Un deles foi o IES Sangriña quen aportou un fermosísimo vídeo gravado por alumnos no ano 1987 onde se recolle a última nevarada importante que caeu na bisbarra. Unha peza audiovisual que condensa todo o espírito do Proxecto Socheo, de dotar de visibilidade a parte do pasado da Guarda valorando documentos que todo o mundo daba por perdidos ou descoñecía.

NEVE 1987
Proxecto Socheo
En xaneiro de 1987 aconteceu a última nevarada importante que se lembra na Guarda. A media mañá unhas amenazadoras nubes comezaron a descarregar flocos de neve. Un fenómeno climatolóxico inesperado e estraño que colleu aos rapaces na escola. Uns deles colleu unha cámara de vídeo e comezou a grabar un feito tan sorprendente. Eran do Instituto da Sangriña. Nas súas imaxes se recollen toda a algarabía que houbo nesas horas pola zona de Paraños e na Alameda. Onde estabas ti ese día?

Ningún comentario:

Publicar un comentario