5 de out. de 2010

OURENSE

A DEPUTACIÓN DE OURENSE ORGANIZA DOUS CURSOS DE INFORMÁTICA E UN DE FOTOGRAFÍA DIXITAL



A Deputación de Ourense, a través do seu Negociado de Formación, organiza desde hoxe e ata o vindeiro 4 de novembro tres cursos, dous de informática e un de fotografía dixital.
O primeiro deles é un curso sobre “Xestión informática –I-: Windows XP , MS Word 2003 e MS-Power Point 2003”, que está dirixido a persoal ao servizo da Administración Local que utilice o ordenador no seu traballo, co obxectivo de incrementar a eficacia e a produtividade no seu labor. E tamén vai dirixido a persoal das entidades locais de todos os grupos de titulación, especialmente C1 e C2, que deba realizar labores administrativos con mecanización informática.
Os obxectivos do curso son darlle a coñecer ao persoal da Administración Local o funcionamento dun ordenador, a súa estrutura e o manexo do Windows XP, sistema operativo de contorno gráfico no que se apoian tódalas aplicacións informáticas; formar e instruír aos participantes no manexo do programa Ms-Word 2003, un procesador de textos que ofrece múltiples posibilidades para a creación e a edición de documentos e para a realización das diferentes tarefas administrativas, e desenvolver a capacidade dos asistentes para facer presentacións gráficas de aspecto profesional empregando diapositivas realizadas co programa Ms-Powerpoint 2003.
A duración do curso é de 50 horas lectivas, e as datas de realización: do 4 de outubro ao 4 de novembro de 2010. O horario das clases é de 17:00 a 20:00 horas, de luns a xoves, e terá lugar nas aulas de Postal Escuela de Negocios. Rúa Reza, 3. Ourense.
O segundo curso é un curso avanzado de “Utilidades Informáticas para o traballo na Administración Local”. Vai dirixido ao mesmo perfil de traballadores que o anterior, e ten como obxectivos: ensinar a abordar tarefas que, en xeral, aparecen no traballo diario cun ordenador tanto no hardware como no software e que, pola súa natureza e características, non están incluídas noutros cursos enfocados cara a programas específicos; proporcionar os coñecementos a preparación e capacitación técnica necesaria e suficiente, para solucionar problemas que poidan xurdir ao traballar cun ordenador, e promover a plena integración das novas tecnoloxías nos usos de traballo das corporacións locais e impulsar a súa aplicación e emprego nas diferentes áreas da xestión municipal.
A duración do curso é de 25 horas lectivas, e as datas de realización: do 4 de outubro ao 20 de outubro de 2010. O horario das clases é de 17:00 a 20:00 horas, de luns a xoves, e terá lugar nas aulas de Postal Escuela de Negocios. Rúa Reza, 3. Ourense. Finalmente, o curso básico de “Fotografía Dixital con Photoshop CS” vai dirixido a persoal técnico e administrativo da Administración Local da provincia que no seu posto de traballo deba de empregar o ordenador para a realización de tarefas de deseño gráfico ou de creación e retoque de imaxes dixitais, e tamén para persoal das corporacións locais que con anterioridade teña realizado algún curso de informática básica (Curso de xestión informática -I , Curso de xestión informática con Open Office ou equivalente).
Os obxectivos son: iniciar aos profesionais da Administración Local no programa de deseño gráfico máis empregado entre os profesionais do sector: Photoshop CS, co que se pretende dar a coñecer ós asistentes as utilidades do programa e os conceptos clave da imaxe dixital: captura de imaxes, selección avanzada, capas de axuste, modos de fusión; e tamén capacitar aos traballadores das corporacións locais da provincia para desenvolver funcións de deseño gráfico, creación de logotipos e elaboración de manuais de imaxe corporativa.
A duración do curso é de 50 horas lectivas, e as datas de realización: do 4 de outubro ao 4 de novembro de 2010. O horario das clases é de 17:00 a 20:00 horas, de luns a xoves, e terá lugar nas aulas de Postal Escuela de Negocios. Rúa Reza, 3. Ourense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario