5 de out. de 2010

OURENSE

A DEPUTACIÓN COMPROMETE O SEU APOIO PARA LEVAR AO CINE “A ESMORGA”, DE BLANCO AMOR


O Centro Cultural da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do proxecto cinematográfico para levar ao cine a famosa obra de Eduardo Blanco Amor “A Esmorga”. Editorial Galaxia, representada polo seu director, Victor Freixanes, e o director de cine Ignacio Vilar, están a desenvolver conxuntamente “un proxecto netamente ourensán. que amosa a esencia da cultura e da vida social do tempo en que está ambientada a novela”, explicou Freixanes.
Este proxecto, que conta co apoio da Deputación de Ourense, do Concello de Ourense, e do Festival de Cine Internacional de Ourense, “ten una relevancia extraordinaria polo que A Esmorga representa para Ourense”, dixo o presidente da Deputación, José Luis Baltar, e engadíu que Blanco Amor, Ourense e Galicia “merecen que a obra sexa levada ao cine para que teña o multitudinario recoñecemento do Sétimo Arte e de toda a sociedade”.
José Luis Baltar afirmou que a ben seguro “Ignacio Vilar fará unha axeitada adaptación da novela, na cal está representado o costumbrismo, os lugares e as xentes do que Blanco Amor nos falou a través de A Esmorga”, e rematou dicindo que levar ao cine este proxecto “é un triunfo para a cinematografía galega e para a Galicia cultural”.
Pola súa banda, Ignacio Vilar dixo que xa está a traballar no guión da película, no cal adquirirá un protagonismo especial a cidade de Ourense, “para mostrar a través dela a nosa cultura”. Neste senso, tanto a presidenta do Festival de Cine e concelleira de Cultura, Isabel Pérez, como o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, coincidiron en afirmar que Ourense debe ser, indiscutiblemente, o plató de cine que merece esta emblemática obra literaria que agora se converterá en película.

Ningún comentario:

Publicar un comentario