24 de ago. de 2010

A GUARDA

QUÉN SUPERVISA ÁS OBRAS QUE PROMOVEN ALGUNHAS EMPRESAS PRIVADAS?


Infogauda / A Guarda
Aconteceu o pasado luns día 23 de agosto. Foi arredor do mediodía, á altura do inmoble sinalado co nº 24 da rúa Alcalde Manuel Alvarez. En pleno centro da vila guardesa. Orballaba miudiño. O suficiente para que unha tapa metálica, de rexistro da operadora de telefonía R, situada preto da cabina que esa operadora tén na devandita rúa, recollese auga e o camiñar algunha persoa por riba dela, proxectase a auga suxa cara o peón inmediatamente posterior. O resultado, como se poden imaxinar, é noxento. Non é de recibo que unha empresa, se chame como se chame, faga obras en espacios públicos, e polo que se pode comprobar, ninguén do concello as supervisa. E iso que o grupo chamado de goberno, do concello de A Guarda, conta con dúas adicacións exclusivas e outras dúas parciais, que lles supoñen os contribuintes o desembolso dunha boa morea de cartos. Demasiados.
Outro exemplo do tira pra diante, que algúns munícipes do chamado grupo de goberno, toleran, non sabemos - polo de agora - a que ven tanta tolerancia con algunhas empresas, como a citada anteriormente. Imos a referirnos a un inmoble, ubicado na rúa Concepción Arenal, onde a referida operadora, para atende-la demanda dos seus servicios, que probablemente lle foron solicitados por algún co-propietario, non dubidou en instalar pola fachada do edificio o cableado. O resultado estético é digno de ser enmarcado. Non imos cuestionar a ningún dos veciños que poideron solicitar da operadora seus servicios, pero coidamos que a devandita instalación é cando menos, de dubidoso gosto e no referente a seguranza o tempo o dirá. Polo de agora deixamos constancia deses dous exemplos de como algunhas empresas actúan na vila de A Guarda. Non sabemos como será noutras localidades. O que sí sabemos é que no concello guardés habería de aplicarse un vello refrán, adaptado as circunstancias, que podería quedar así: "Menos Patrol, e máis zapato". Dito de xeito que todos poidamos entender: O concelleiro correspondente debería camiñar máis - que é moi saudable, e ademáis non contamina - e conducir menos o vehículo municipal cuio rodaxe pagan tódolos veciños. Se así o fixese, sabería perfectamente onde están, por exemplo, a devandita tapa de R, ou as losetas das beirarrúas, que lixan ás prendas de vestir dos cidadáns. E tamén o cableado que verticalmente pendura da fachada do edificio Arenal.
Quén supervisa ás obras que promoven algunhas empresas privadas?
Agardamos ás respostas. Se é que as hai.

Ningún comentario:

Publicar un comentario