As comunidades de montes do Baixo Miño reactivan “Ollos no Monte”, unha rede comarcal de vixilancia e prevención de incendios forestais
• A iniciativa, impulsada pola Mancomunidade de montes do Baixo Miño e aberta a outras comunidades forestais da comarca, contará cunha xornada formativa da Xunta de Galicia o próximo 13 de xuño en Goián tras contribuír o pasado ano á detección temperá de 14 conatos de incendio.
Infogauda/O Baixo Miño
As comunidades de montes do Baixo Miño decidiron reactivar o programa “Ollos no Monte”, unha iniciativa de participación e vixilancia comunitaria impulsada pola Mancomunidade de Montes do Baixo Miño e aberta á participación doutras comunidades de montes da comarca. O programa, posto en marcha o pasado ano, regresa co obxectivo de reforzar a prevención de incendios forestais para a campaña de verán e ampliar a rede de colaboración entre propietarios forestais, comuneiros e cidadanía.
A experiencia desenvolvida durante a anterior edición puxo de manifesto o valor da implicación cidadá na detección temperá de riscos e na sensibilización social sobre a importancia de protexer o monte. Por iso, a Mancomunidade de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común do Baixo Miño decidiu dar continuidade ao programa, reforzando a formación e a coordinación das persoas participantes.
A continuidade do programa vén avalada polos resultados obtidos durante a súa primeira edición. Grazas á rápida capacidade de observación e comunicación das persoas participantes en “Ollos no Monte”, o pasado ano foi posible detectar e actuar de forma temperá sobre 14 conatos de incendio, evitando que chegasen a converterse en lumes de maior entidade.
Como primeira acción desta nova edición, a Xunta de Galicia, a través do Distrito Forestal XVIII e da Dirección Xeral de Defensa do Monte, impartirá unha xornada técnica e informativa o próximo sábado, 13 de xuño no Auditorio de Goián (Tomiño) dirixida a representantes das comunidades de montes, persoas voluntarias e propietarios forestais interesados en participar na iniciativa.
A convocatoria está dirixida tanto ás comunidades de montes integradas na Mancomunidade como a outras comunidades forestais do Baixo Miño interesadas en sumarse á iniciativa, reforzando así unha rede de vixilancia e prevención que pretende estenderse ao conxunto do territorio comarcal.
A reactivación de “Ollos no Monte” cobra especial relevancia nun contexto marcado polo incremento do risco asociado ao cambio climático. Os expertos veñen advertindo dunha maior frecuencia de fenómenos meteorolóxicos extremos, períodos prolongados de seca e episodios de altas temperaturas que favorecen a aparición e propagación de incendios forestais de gran intensidade.
Coa reactivación de “Ollos no Monte”, as comunidades de montes participantes reafirman o seu compromiso coa prevención, a vixilancia activa e a participación social como ferramentas fundamentais para reducir o risco de incendios forestais. A iniciativa busca consolidar unha rede estable de colaboración entre cidadanía, comunidades de montes e administración forestal para afrontar con maiores garantías os desafíos que expón o actual escenario climático e protexer un dos principais patrimonios ambientais, sociais e económicos do Baixo Miño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario