25 de ago. de 2010

A GUARDA

XUBILEO PENITENCIAL DO VOTO A SANTA TREGA: UNHA TRADICIÓN GUARDESA CON 655 ANOS DE ANTIGÜIDADE

Celebrarase este sábado, coa participación de homes das parroquias do Arciprestazgo da Guarda



Infogauda / A Guarda

A tradición rememorarase un ano máis, este sábado, día 28 de agosto, a partires das 20:30 h., en que os homes das sete parroquias do Arciprestazgo da Guarda (Santa María da Guarda, San Lourenzo de Salcidos, A Visitación de Camposancos, Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón, San Xoán de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras), precedidos por unha cruz procesional partirán con carácter penitencial desde O Cancelón (O Montiño), cara ao Pico de San Francisco, un dos cumes do monte sacro. Durante a ascensión ata o santuario da discípula de S. Pablo e primeira mártir do Cristianismo, rezarase o Santo Rosario e o Vía Crucis.
A entrada no adro do Santuario efectuarase portando a imaxe de Santa Trega e cantando as ladaíñas do Clamor. A continuación o actual Prior da Irmandade do Clamor, presidirá a celebración eucarística. Finalizada ésta, procederá - en latín - a abenzoar o pan. "(...) Aínda que inicialmente o Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega - dixo nunha edición precedente do Voto, o Prior da Irmandade do Clamor, e á súa vez párroco de Camposancos e de San Xoán de Tabagón, Anxo Soliño Fernández -, duraba tres días e desde fai moitos anos, reduciuse a súa duración, dado que comeza á tardiña do último sábado de agosto e conclúen os actos antes de medianoite; sí se mantén a bendición do pan, como recordo do xexún que efectuaban os nosos devanceiros. Sei que algúns de vós pasaredes a noite soamente con pan e auga".
Logo do canto do himno Veni Creator coa súa oración e a Ladaíña de Todos os Santos, que inclúe santos particulares - Santa Trega, rogai a Deus por nós, Deus ouvide a nós, Kyrieleyson,... -, darase a coñecer o novo Prior, que como dixo Soliño Fernández "(... ) mentres poidamos, un ano será D. Jesús [García Villadóniga] e outro ano serei eu (...)" - e o Capelán da Misa do Alba.
A continuación, o prior mostrará o relicario de Santa Trega, que será bicado polos devotos, á vez que se efectuará a repartición dos pans, dando así por finalizados - arredor das 23:00 h. - os actos do Xubileo Penitencial do Voto a Santa Trega, instituido pola Irmandade do Clamor, desde o ano 1355.

Ningún comentario:

Publicar un comentario