O Baixo Miño reforza a prevención dos incendios forestais cunha xornada de formación e coordinación comunitaria en Goián
• A iniciativa, impulsada pola Mancomunidade de Montes do Baixo Miño no marco do programa OllosnoMonte, reunirá a comunidades de montes, propietarios forestais, concellos e persoal especializado en emerxencias forestais
Infogauda/Goián
A prevención e a colaboración comunitaria volverán situarse no centro da estratexia de defensa do monte no Baixo Miño coa celebración da xornada formativa “OllosnoMonte. Vixilancia preventiva e coordinación comunitaria”, que terá lugar o vindeiro 13 de xuño no Auditorio de Goián.
Organizada pola Mancomunidade de Montes do Baixo Miño, a actividade está dirixida ás persoas participantes no programa OllosnoMonte e aberta tamén ás comunidades de montes, persoas propietarias forestais, representantes municipais, agrupacións de Protección Civil e outras entidades da contorna comprometidas coa prevención dos incendios forestais.
A xornada nace coa finalidade de fortalecer a preparación das comunidades locais ante o risco de lumes forestais, promovendo unha maior coordinación entre a cidadanía organizada e os servizos especializados de emerxencia. Neste sentido, o programa abordará cuestións clave como a prevención e a autoprotección, a detección temperá de incidencias, os protocolos de comunicación de avisos e a colaboración cos medios de extinción e emerxencias.
A formación permitirá tamén afondar no papel que poden desempeñar as comunidades de montes como axentes activos na protección do territorio, contribuíndo á vixilancia preventiva e ao apoio organizado en situacións de emerxencia, sempre dentro das súas competencias e en coordinación cos dispositivos oficiais.
A sesión desenvolverase o sábado, 13 de xuño, entre as 09:45 e as 13:00 horas, no Auditorio de Goián, e contará coa participación técnica de persoal do Distrito Forestal XVII - UDEX da Xunta de Galicia, que achegará a súa experiencia e coñecemento especializado na prevención e xestión dos incendios forestais.
Desde a Mancomunidade de Montes do Baixo Miño destacan a importancia de seguir impulsando espazos de formación e encontro entre os diferentes actores implicados na defensa do monte, especialmente nun contexto marcado polo incremento do risco asociado aos períodos de altas temperaturas e á necesidade de avanzar cara a unha maior cultura preventiva.
A través do programa OllosnoMonte, a entidade continúa apostando pola implicación activa das comunidades locais na protección do patrimonio forestal, fomentando a información, a sensibilización e a coordinación como ferramentas fundamentais para reducir o impacto dos incendios forestais no territorio.
Datos da convocatoria
Xornada: OllosnoMonte. Vixilancia preventiva e coordinación comunitaria
Data: 13 de xuño
Horario: De 09:45 a 13:00 horas
Lugar: Auditorio de Goián
Organiza: Mancomunidade de Montes do Baixo Miño
Participación técnica: Distrito Forestal XVII - UDEX (Xunta de Galicia)

Ningún comentario:
Publicar un comentario