8 de xuño de 2026

A GUARDA

Ormaluga reforzamos o servizo de reparto e incorporaremos a navalla de Aldán á nosa oferta de distribución 




Ormaluga/A Guarda

 Ormaluga, Organización de Mariñeiros/as Luso Galaica, continúa avanzando no seu obxectivo de fortalecer a pesca e o marisqueo artesanal mediante iniciativas que achegan o produto do mar directamente ao consumidor. Neste contexto, anunciamos o reforzo do noso servizo de distribución de cara á tempada estival, incorporando entregas os venres pola tarde. Así mesmo, avanzamos cara á próxima incorporación da navalla de Aldán á nosa canle de distribución directa. 

 Como organización de produtores de pesca e marisqueo artesanal, Ormaluga temos un propósito claro: dignificar o traballo das mulleres e homes que viven do mar. Promovemos un modelo de explotación sostible, fortemente vinculado ao territorio, e defendemos unha comercialización de proximidade na que o produto e quen o produce ocupan un lugar central. 

 A pesca artesanal non é só unha actividade económica. É tamén un elemento fundamental para a conservación da identidade costeira, a cohesión social e a soberanía alimentaria. Os organismos internacionais recoñecen o seu papel como xeradora de riqueza local, fixadora de poboación e garante dun aproveitamento responsable dos recursos mariños. 

 Neste contexto, desde Ormaluga apostamos decididamente polas cadeas curtas de comercialización, consideradas a fórmula máis adecuada para os pequenos produtores da pesca artesanal. A atomización da oferta dificulta a capacidade de negociación individual dos profesionais do mar, polo que organizacións como Ormaluga resultan fundamentais para sumar esforzos e crear estruturas colectivas que permitan comercializar o produto en condicións máis xustas. 

Unha canle propia para achegar o mar á mesa 

 Para avanzar nestea liña, a comezos de ano puxemos en marcha unha canle propia de distribución directa. Desde a Lonxa da Guarda, situada no extremo septentrional de Galicia, non só abastecemos ao ámbito local. Achegamos o noso produto a lugares tan diversos como O Porriño, Redondela, Arcade, Vilaboa ou Vigo, abastecendo unha ampla variedade de clientes. Desde restaurantes recomendados por guías gastronómicas de prestixio, peixerías de proximidade e establecementos de restauración que serven menú diario. 


Vista da lonxa do porto da Guarda

 A diversidade das capturas realizadas polos socios de Ormaluga permite adaptar a oferta ás necesidades de segmentos moi distintos, consolidando unha rede comercial que, desde a súa posta en marcha en marzo, está a supoñer un importante salto cualitativo para a presenza do produto artesanal nos mercados máis esixentes. 

Novo servizo de reparto os venres pola tarde 

 O incremento da demanda e a chegada da tempada de verán levaron a Ormaluga a reforzar o este servizo loxístico coa incorporación de entregas os venres pola tarde, unha medida especialmente orientada a cubrir as necesidades da hostalaría durante as fins de semana.

 

Percebes da Guarda

 Este novo servizo permitirá que restaurantes, peixerías e outros clientes poidan dispoñer de especies capturadas esa mesma mañá, reducindo ao mínimo os tempos entre a extracción e o consumo. Deste xeito, o produto poderá pasar do mar á mesa en poucas horas, garantindo a máxima frescura e calidade nun dos momentos de maior demanda do ano. 

En breve, a navalla de Aldán 

 A ampliación dos servizos de Ormaluga non remata aquí. Nas vindeiras semanas, a sumaremos á nosa canle de comercialización directa a navalla capturada polos nosos socios de Aldán. 


Navallas de Aldán

 A navalla desta zona conta cun amplo recoñecemento pola súa calidade e a súa incorporación permitiranos ampliar a oferta dispoñible e responder a unha petición recorrente de restaurantes, peixerías e consumidores que xa confían nos servizos de Ormaluga. 

Artesanal é mar 

 Para Ormaluga, a pesca artesanal representa moito máis que unha actividade produtiva. É unha forma de entender a relación co territorio, co mar e coa comunidade poñendo o eixo na sustentabilidade como garante de futuro. 

 A través da distribución directa, da promoción das cadeas curtas de comercialización e da valorización do traballo dos profesionais do sector, continuamos traballando para cumprir o noso principal obxectivo: achegar o mar á mesa, de forma sostible, xusta e próxima.

Ningún comentario:

Publicar un comentario