10 de xuño de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

María Sancha e o Guardés separan os seus camiños despois de cinco anos 

A actual capitá do equipo baixomiñoto marcha da Guarda despois de cinco anos crecendo xuntos, en busca dunha nova etapa na súa carreira deportiva 

Sancha chegou procedente da División de Honra Ouro no ano 2021, con tan só 19 anos 

A palentina únese a Amandine Balzinc e Jazmín Mendoza como a terceira saída confirmada para a vindeira tempada 


María Sancha, visiblemente emocionada, amosándolle aos seareiros do Club Balonmán Atlético Guardés o trofeo EHF European Cup logrado polo equipo na temporada 2025/2026

Foto: SportCoeco

Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés continúa a descontar nomes para o ano que vén. Nesta ocasión, o club baixomiñoto confirma a saída da actual capitá e primeira liña María Sancha, que a tempada 2026/2027 tomará un novo camiño lonxe dunha A Guarda na que completou cinco cursos de total crecemento persoal e deportivo. 

 A palentina chegou ao Guardés no verán de 2021, con tan só 19 anos e supoñendo a primeira experiencia na elite para unha das xogadoras máis notables da División de Honra Ouro ata entón. Na súa tempada debut e nas catro seguintes Sancha amosou unha grande capacidade de adaptación e crecemento como atleta, collendo cada vez máis peso no cadro de persoal branquivermello. Foi este 2025/2026 cando o seu protagonismo aumentou ao asumir a capitanía por primeira vez, recollendo a testemuña de Míriam Sempere e declarándose como unha das xogadoras insignes do conxunto da Sangriña. Agora, xa con 24, convertida en campioa de Europa e con medio corazón na vila baixomiñota, a primeira liña despídese do equipo no que medrou a tódolos niveis en busca dunha nova etapa na súa carreira deportiva. 

 Despois de cinco anos, Sancha desfíxose en agradecementos para tódalas persoas que formaron parte da súa estancia na Guarda “por ter sido a miña casa” e “parte do meu camiño dende o principio e ata o final”. A última capitá do equipo baixomiñoto afirma ter “defendido estas cores” ata o derradeiro minuto e despídese con tristura, mais tamén co orgullo de poder dicir “que marcho de aquí erguendo un título que era moi importante para este pobo”, en referencia ao campionato da EHF European Cup que coroa o seu percorrido vestindo a camisola guardesa, e que lle permitiu ademais quitar a espiña da prata de 2023 no mesmo torneo. 

 O Club Balonmán Atlético Guardés agradece a María Sancha polo seu compromiso e implicación coa identidade deste equipo dende o primeiro minuto, ademais de por tódalas vivencias duns cinco anos que xa son parte imborrable da súa historia. A súa capitanía no ano do éxito europeo, así coma o seu importante papel en tódolos logros colleitados dende a súa chegada, convértena nunha guardesa de corazón máis e en parte da pegada desta entidade para sempre. Grazas por todo, María. 

 Sancha é a terceira baixa confirmada no cadro de persoal para a próxima tempada 2026/2027, uníndose a Jazmín Mendoza e Amandine Balzinc. Polo de agora, transcenderon tamén a saída de Ana Seabra á fronte do corpo técnico e a continuidade de Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, María Palomo e Ania Ramos. Nos próximos días iranse concretando os demais detalles sobre o proxecto para o curso vindeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario