10 de xuño de 2010

OURENSE

200 CICLISTAS PARTICIPAN NA “VOLTA AO RIBEIRO” E NO “CAMPIONATO DA PENÍNSULA IBÉRICA”, PATROCINADOS POLA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Infogauda / Ourense


200 corredores de elite e 25 equipos participan o vindeiro fin de semana nas dúas probas máis importantes do calendario ciclista ourensán: a “34 edición da Volta Ciclista ao Ribeiro” e a “88º Clásica Cidade de Ourense – 2º Campionato da Península Ibérica”, probas patrocinadas pola Deputación provincial de Ourense.
A presentación das carreiras tivo lugar hoxe no Centro Cultural da Deputación coa presenza de Paco Levoso e Carlos Moure, organizadores das probas, quen coincidiron en cualificar de éxito de participación o feito de que equipos de España, Portugal e Rusia acudan a Ourense a disputar estas probas ciclistas. Asemade, lamentaron a redución e mesmo a falta de patrocinios que a proba sofre este ano con respecto a outras edicións.
A Volta Ciclista ao Ribeiro disputarase o vindeiro sábado, 12 de xuño, ás 16.45 horas, nun percorrido de 144 que sairá de Barbantes-Estación e que percorrerá diferentes pobos e vilas de O Ribeiro, así como diferentes altos de montaña “que anque non teñan moita altitude si podémolos cualificar de rompepernas e que van esixir un gran esforzo aos ciclistas”, en opinión de Paco Levoso. A Volta ao Ribeiro forma parte do calendario nacional para as categorías Elite e Sub-23, sendo a única carreira de categoría nacional da provincia de Ourense, que se celebra de xeito regular, estando acompañada esta tempada polo II Campionato da Península Ibérica de Elite e Sub-23, que se celebra o domingo, día 13 de xuño en Ourense.
A organización na parte técnica correspóndelle ao Clube Ciclista Ourensán e na parte organizativa ao Comité Organizador da Volta. O orzamento total para esta edición ascende aos 41.000 euros.
Na pasada edición foi vencedor Antonio García, do equipo UPV-Bancaja de Valencia, quen posteriormente se proclamou campión de España, e que volverá participar este ano na Volta ao Ribeiro para tentar revalidar o seu título.
A Volta ao Ribeiro repartirá 8.400 euros en premios e seis trofeos. Nesta edición, seguindo a tradición doutros anos, vaise render homenaxe a Marcos Serrano, ex-ciclista profesional, gañador dunha etapa do Tour de Francia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario