RECEPCIÓN NA DEPUTACIÓN AOS PARTICIPANTES DO V FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE XUVENIL
Infogauda / Ourense
O presidente da Deputación provincial de Ourense, José Luis Baltar, presidiu hoxe a recepción oficial ofrecida aos representantes dos grupos folclóricos que participan no V Festival Internacional de Folclore Xuvenil, organizado por “Queixumes dos Pinos”, e que se vai desenvolver en Ourense ata o vindeiro 2 de maio.
Músicos, bailaríns, directivos e representantes institucionais dos grupos chegados de España e de sete países europeos (Bulgaria, Italia, Lituania, Portugal, Romanía, Rusia e Serbia), participaron no acto, no que José Luis Baltar destacou a importancia de eventos deste tipo “para unir aos pobos a través das súas singularidades culturais”.O presidente da Deputación afirmou que unha das características destacadas deste festival “é o feito de que percorre vilas e pobos do rural da provincia de Ourense, achegando o folclore aos concellos de Ourense, Nogueira de Ramuín, A Peroxa e Xunqueira de Ambía para traernos o mellor das danzas e as músicas tradicionais daqueles fermosos lugares de Europa”.Pola súa banda o director de “Queixumes dos Pinos”, José Antonio Viñas, dixo que a intención deste evento e “que a música, a danza e a cultura simbolice a unión dos pobos a través do folclore, e con ela darlle ao festival un significado máis fondo, que xunte a convivencia, a amizade, o esforzo e a tolerancia entre todos os participantes, facéndoo extensivo aos pobos do mundo que representan”.Os representantes dos grupos intercambiaron agasallos co presidente da Deputación e agradeceron “a atención, a hospitalidade e o apoio” que están a recibir por parte da institución provincial e da organización do festival ao longo dos días que nos visitan en Ourense.Todos coincidiron en afirmar que é necesario seguir potenciando a cultura popular, e houbo tamén palabras de agradecemento para os máis de 80 voluntarios entre xóvenes, pais e integrantes de “Queixumes dos Pinos”, que fan posible que cada ano este festival sexa unha realidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario