BALTAR AFIRMA QUE OURENSE REPRESENTA “A PUNTA DE LANZA” DO TERMALISMO MODERNO
O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, afirma que a nosa provincia “representa a punta de lanza do termalismo moderno, xa que contamos cuns recursos naturais dos mellores do mundo”. Baltar considera que a historia “nos avala como un enclave privilexiado para que Ourense se convirta nun complexo termal de referencia de ámbito europeo, e niso temos que traballar”.
Infogauda / Ourense
Así o afirmou na presentación do libro “Galicia, Terma Bimilenaria”, do que é autora a investigadora María G. Souto Figueroa, que tivo lugar no Centro Cultural da Deputación de Ourense. “Entendemos con esta magnífica publicación -explica José Luis Baltar- que o termalismo na nosa provincia non é unha moda, algo soamente actual, senón que a actividade termal está baseada en costumes moi antigas, milenarias, e cando nos introducimos nas augas termais que temos en Ourense estamos retomando a continuando os costumes dos nosos antepasados”.O libro de María G. Souto recolle en máis de 380 páxinas de coidada edición a historia dos balnearios galegos, os aspectos xeolóxicos do termalismo en Galicia, e dedica un apartado especial ás virtudes saudables e á clasificación das augas e a súa relacións coas propiedades minero-medicinais.Un apartado importante da obra é o aspecto gráfico, pois conta con fotografías de Mani Moretón que, en palabras da autora “soubo captar a esencia e o sentimento da auga. Son imaxes que, por si soas, dannos unha idea da riqueza termal que temos en Galicia, e onde Ourense cobra un protagonismo especial”, explica María G. Souto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario