15 de dec. de 2009

ESTADO

España: Informe de AI sobre menores en centros de protección terapéuticos
Castigos, illamento e medicación forzada: receitas recorrentes no tratamento de menores protexidos pola Administración

Amnistía Internacional Galicia
AI pide a Zapatero a través de www.actuaconaministia.org que promova unha investigación urxente sobre as violacións de dereitos humanos contra estes menores


“No centro pasei días atada a una cadeira, con mordaza; sen ela caíaseme a baba. Tiña o pescozo dobrado e a cabeza caída. Tamén estiven na cela de illamento atada á cama onde ademais me pinchaban e pasaba polo menos 3 días cos ollos voltos”
Testemuño de Sara Casas a AI, sobre a súa estancia no centro de protección terapéutico Dulce Nombre de María en Málaga

“Metéronme 4 veces nunha cela de illamento que eles chaman “cuarto de reflexión”, esta cela ten as paredes núas e consta dunha cama de goma espuma, un somier de ferro, un retrete e unha pequena fiestra. Non hai ningún elemento de estudo ou ocio ou decoración algunha. Na cela hai uns fosforescentes de luz que o persoal acende ou apaga cando lles peta. Métenche alí en pixama sen zapatillas nin calcetíns”.
Fragmento dunha denuncia dun menor ante o Instituto Madrileño del Menor y la Familia contra o centro de protección terapéutico Picón del Jarama en Madrid


Madrid.- Menores que ingresan en centros de protección terapéuticos, baixo a protección e o coidado da Administración española, poden ser vítimas de abusos sexuais, malos tratos ou tratamento cruel e degradante, poden ser encerrados en celas de illamento, atados, amordazados, medicados sen a debida dilixencia e en contra da súa vontade. Estes abusos contra os dereitos humanos deste menores quedan na maioría dos casos invisibilizados e impunes, xa que non se realizan investigacións imparciais e independentes. Os menores, ademais, son invisibles para a Administración. Estas son algunhas das conclusións do informe, Si vuelvo, ¡me mato! Menores en centros de protección terapéuticos que Amnistía Internacional presentou hoxe, 15 de decembro.

“Menores que ingresan nestes centros están totalmente indefensos e son extremadamente vulnerables. Primeiro, porque ninguén sabe cantos son, e ninguén sabe cantos centros de protección terapéuticos existen. Segundo, porque tanto a Administración como as entidades privadas que xestionan estes centros dificultan que se leven a cabo investigacións independentes de organizacións que defenden os dereitos humanos e, mesmo de institucións como o ‘Defensor del Pueblo’”, manifestou Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional España.

Amnistía Internacional realizou unha investigación sobre a situación dos menores en centros de protección terapéuticos en tres comunidades autónomas: Andalucía, Cataluña e Madrid. Entre as tres comunidades concentran o 55% dos centros que existen en España, segundo datos do Informe del Defensor del Pueblo, 2009. Amnistía Internacional documentou como en España nalgúns centros de protección terapéuticos se vulneran normas fundamentais como o interese superior do menor, o seu dereito a ser escoitado e non discriminado da Convención dos Dereitos do Neno, ratificada por este país o 30 de novembro de 1990, así como outras normas internacionais, entre elas as Regras de Nacións Unidas para a Protección de Menores Privados de Liberdade, e mesmo a Convención Contra a Tortura e outras formas de Castigo e Penas Crueis, inhumanas ou degradantes.


Antes do ingreso nos centros
Amnistía Internacional identificou dúas vías principais para o ingreso dos menores en centros de protección terapéuticos.

· Primeiro, derivados dende outros centros do sistema de protección de menores onde ingresaron por desamparo familiar, son derivados por presuntos trastornos de conduta ou situación de dificultade social. Trátase dunha decisión administrativa que habitualmente non inclúe un diagnóstico previo e tampouco conta cunha orde xudicial. Aínda que esta decisión debe ser motivada e notificada aos pais, ao Ministerio Fiscal e ao menor, moi raras veces os menores e as súas familias chegan a saber por que ingresan nestes centros terapéuticos, cales son os seus dereitos, ou as vías existentes de acceso á xustiza para impugnar decisións que afectan á súa vida.

Segundo, a solicitude dos pais cando o ingreso neste tipo de centros é, segundo lles indican desde o sistema de saúde público e os servizos de protección, o único modo de que os seus fillos reciban un tratamento para os seus problemas de conduta. Neste caso, en xeral, o ingreso vai precedido dun diagnóstico. Con todo, a inexistencia dun procedemento formal e público que determine os criterios para o ingreso, o diagnóstico e as necesidades específicas de tratamento, coloca aos menores e ás súas familias en moitas ocasións nunha situación de indefensión contraria a todas as normas internacionais de dereitos humanos.

Amnistía Internacional constatou que:

A ausencia de políticas públicas que aborden a situación destes menores con problemas de conduta ou en dificultade social, converte o internamento na única opción posible. A pesar de que a Convención dos Dereitos do Neno sinala que o internamento debería ser o último recurso para o tratamento destes menores.
Ante esta situación, os pais piden axuda á Administración para solucionar os problemas de conduta dos seus fillos, o que paradoxalmente se traduce en ter que solicitar a declaración de desprotección e, mesmo, denuncialos por malos tratos para que poidan ingresar no sistema de protección. Isto dificulta ás familias a obtención de información sobre os problemas de saúde do menor.
Aínda que para privar de liberdade a calquera persoa se require unha autorización xudicial previa, tal e como se recolle no Código Civil e na Lei de Enxuizamento Civil, na maioría dos casos relacionados con menores elúdese esa autorización para o internamento non voluntario destes menores. Segundo datos do Informe del Defensor del Pueblo, o 53 por cento destes ingresos prodúcese sen autorización xudicial.

Unha vez no centro de protección terapéutico
Amnistía Internacional expresa a súa profunda preocupación ante as denuncias que recibiu sobre os abusos e violacións de dereitos humanos que sofren menores nalgúns destes centros: violacións da intimidade, humillacións, réximes disciplinarios contrarios ás normas e tratados internacionais, castigos corporais, illamento forzado, contencións físicas abusivas e, mesmo, contencións farmacolóxicas, todo iso prohibido nos tratados internacionais, asinados e ratificados por España.

Estes abusos cométense con total impunidade, xa que non existen vías rápidas e sinxelas que permitan aos menores denunciar, acceder a un avogado, e sobre todo, que se abran investigacións pertinentes, rápidas e imparciais.

Violacións do dereito á saúde.

Case ningún dos menores entrevistados por Amnistía Internacional sabía que se lle estaba administrando e por qué. Viólase así, a Lei do Paciente (Lei 41/2002), na que se sinala que os menores de máis de 12 anos deben ter a información necesaria sobre os seus diagnósticos, tratamentos e os efectos que estes poidan ter, para dar o seu consentimento a recibir ese tratamento.
A sobremedicación é unha práctica xeneralizada nestes centros e é empregada para conter e castigar aos menores.

“Ademais, este exceso de medicación utilízase non como parte dun tratamento médico ou dun diagnóstico, senón que é utilizado para conter, acougar e castigar aos menores, e en moitas ocasións os medicamentos son administrados por persoal non cualificado”, sinalou Esteban Beltrán.

Contencións físicas e illamentos
As contencións físicas, farmacolóxicas ou as medidas de illamento realízanse sen supervisión xudicial, nin fiscal. A Convención dos Dereitos do Neno prohibe expresamente o illamento físico como castigo, en celas que recordan a prisións aos menores de idade.

Tanto Amnistía Internacional, como no seu día o Defensor do Pobo, denuncian como nos centros de protección terapéuticos, os menores poden estar atados, amordazados e sedados nunha cadeira ou atados a unha cama con ferraxes illados máis de 48 horas, ou como poden ser illados nunhas celas ou cuartos de illamento, nalgúns casos durante semanas.

“Mentres que nunha prisión, e mesmo nos centros de reforma para menores infractores, calquera medida de illamento debe ser autorizada por un xuíz de vixilancia penal, nos centros terapéuticos de menores calquera medida sobre medicación forzada, sobre sometemento a contención física, ou sobre celas de illamento, non ten apenas supervisión xudicial, nin fiscal e menos, autorización xudicial. Co cal depende do criterio que teña calquera educador, calquera persoal destes centros, e nin sequera ese criterio é común en todo o Estado”, explicou Esteban Beltrán.

Resultados das políticas públicas de intervención con menores
Non existen avaliacións sobre os resultados das políticas públicas de intervención con menores, nin estatais, nin en ningunha das comunidades autónomas obxecto deste estudo. Por tanto, descoñécese o efecto das medidas e réximes aplicados por estes centros nos menores. Pero Amnistía Internacional puido observar que o periplo dos menores con trastornos de conduta ou en dificultades sociais por centros terapéuticos non culmina con resultados positivos nin para eles, nin para as súas familias. Organizacións, familiares, e mesmo fiscais e avogados expresaron a súa preocupación a Amnistía Internacional polo alto número de menores que pasan da protección á reforma e despois ao cárcere.

Paradoxalmente, Amnistía Internacional atopou casos nos que os menores entran nun círculo de exclusión: os seus pais non puideron facerse cargo deles por diferentes motivos, eles saen dos centros ao cumpriren a maioría de idade, e especialmente as mulleres que estiveron tuteladas pola administración, cando teñen fillos, estes sonlles retirados por non consideralas aptas para educalos. Deste xeito, o ciclo de exclusión perpetúase, xeración tras xeración.

Medidas para acabar coa impunidade
“Se eu, por exemplo, atase á miña filla a unha cadeira con cinta de embalar, se ademais lle dese medicación sen dicirlle para qué, se ademais a mantivese varios días illada nun cuarto, se ademais me negase a informar a ninguén do que lle ocorre á miña filla. Se iso ocorrese, o fiscal ou a autoridade xudicial correctamente quitaríame á miña filla. Se iso o fai o Estado nos centros terapéuticos, como documentou AI neste informe, non pasa absolutamente nada e ninguén paga por iso e o menor segue alí”, manifestou Esteban Beltrán.

Por elo, Amnistía Internacional lanzou unha ciberacción a través
www.actuaconamistia.org, na que pide ao Presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero:

Que impulse unha investigación urxente sobre os abusos e violacións de dereitos humanos que se comenten contra menores en centros de protección terapéuticos, denunciadas tanto polo Defensor del Pueblo, o Defensor del Pueblo Andaluz e Amnistía Internacional, entre outros.
Que elabore, xunto cos Gobernos das Comunidades Autónomas, protocolos para contar, controlar e supervisar todos os centros de protección terapéuticos, segundo establecen as normas internacionais e en cumprimento das súas obrigas sobre protección de menores.
Que aborde a reforma da Lei Orgánica de Protección Xurídica do Menor, para que a supervisión xudicial deixe de estar no papel e pase á práctica durante todo o tempo que un menor está sendo intervido pola Administración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario