A FUNDACIÓN COMARCAL O BAIXO MIÑO E A XUNTA CONSULTIVA DO PARQUE NATURAL DO MONTE ALOIA PRESENTAN O LIBRO “RUTAS ARQUEOLÓXICAS NO PARQUE NATURAL DO MONTE ALOIA”.

Infogauda / Tui
A presentación será realizada polo autor do devandito libro, Juan José Perles Fontao. Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Socio fundador e administrador da empresa Anta de Moura S.L., dirixida á xestión do patrimonio cultural, especificamente do arqueolóxico. Aínda que o seu labor abrangue todos os ámbitos deste sector -traballos de escavación, estudios de impacto, documentación, asesoramento, musealizacións e postas en valor- dedicou unha boa parte da súa actividade profesional a estudios de carácter territorial, destacando as prospeccións e catálogo de xacementos arqueolóxicos, así como a súa adaptación ás diversas normativas de carácter municipal. Nestes últimos anos centrou a súa ocupación na coordinación de proxectos, abordando con profundidade a investigación das fortificacións involucradas na guerra de independencia portuguesa, tanto de Galicia como de Portugal.
O acto contará coa presenza do Alcalde do Concello de Tui, Antonio Feliciano Fernández Rocha, o Director do Parque Natural do Monte Aloia, Gonzalo Puerto Arribas e a Xerente da Fundación Comarcal O Baixo Miño, Carmen Somoza Torres.
"A edición do Libro-Guía foi posible - segundo adiantou Carmen Somoza Toorres, Xerente da Fundación Comarcal O Baixo Miño - grazas ao financiamento da Consellería de Medio Ambiente - Delegación provincial de Pontevedra, na que se integra o Parque Natural do Monte Aloia, e da Consellería de Medio Rural- Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, da que forma parte a Fundación Comarcal O Baixo Miño".
Rutas Arqueolóxicas no Parque Natural do Monte Aloia ten un marcado carácter pedagóxico e divulgativo. O libro estruturase en catro grandes apartados:
1) Introdución.
2) Dividindo a Historia.
3) Rutas Arqueolóxicas.
4) Descrición pormenorizada das tres rutas propostas, Ruta 1: A Macoca- Alto dos Cubos; Ruta 2: Chan Longa- Recinto Fortificado; e Ruta 3: Pedra do Acordo- Campo Grande.
A publicación consta de 94 páxinas, con mapas, fotografías, debuxos e pictogramas.
Editáronse 1.800 libros, 900 en galego e 900 en castelán, coa finalidade de poñer en valor o rico patrimonio cultural do parque e en definitiva da comarca.
Os asistentes ao acto recibirán un exemplar da publicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario