VI RALLY OURENSE-BAIXA LIMIA ESTA FIN DE SEMANA
A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do 6º Rally Ourense-Baixa Limia, que terá lugar os vindeiros días 16 e 17 de outubro. A proba, puntuable para o campionato galego, transcorrerá polos concellos de Bande, Muíños, Quintela de Leirado e Verea, e constitúe, segundo dixo Lito Saa, presidente do comité organizador, “unha proba familiar e amigable porque é unha das competicións de rally que máis xente congrega en Galicia, debido a que a maioría dos pilotos son galegos e arras tran con eles a familiares, amigos e afeizoados de toda Galicia”.
Infogauda / Ourense
A presentación do rally contou coa presencia do presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, así como de alcaldes, concelleiros e representantes dos concellos de Ourense, Bande, Muíños, Quintela de Leirado e Verea, ademais de representantes da Subdelegación do Goberno en Ourense e da Comandancia da Garda Civil. Baltar dixo que esta é unha proba automovilística “que está a consolidarse coma unha manifestación deportiva que atrae xentes de toda Galicia a unha comarca especialmente distinguida pola súa paisaxe e gastronomía”. O titular da Deputación pediu aos responsables de seguridade do rally que extremen a vixiancia e aos afeizoados, que cumpran as normas de seguridade “para que este rally sexa unha festa e unha xornada de lecer para todos e non haxa que lamentar incidentes”.José Luis Baltar engadiu que a Deputación de Ourense –patrocinadora da proba- está sempre ao carón do deporte, e, como non podía ser doutra maneira, nesta edición volvemos apostar por este rally, un dos grandes do campionato galego”. Segundo os organizadores, esta edición conta cun presuposto de 80.000 euros e hai 85 inscritos.
Lito Saa - que agradeceu a José Luis Baltar o apoio institucional da Deputación de Ourense - explicou que a primeira sesión da proba comezará o día 17 de outubro ás 10.00 horas coa saída dende o parque pechado da Alameda de Ourense.
O primeiro tramo cronometrado será o de Muíños, ás 11.20 horas, e o segundo tramo o de Bande, ás 11.50 horas.
A segunda sesión comezará ás 13.30 horas co terceiro tramo en Muiños, e o cuarto tramo será en Bande, ás 14.00 horas.
Finalmente, a terceira sesión transcorrerá por Muíños (quinto tramo, ás 16.20 horas) e por Verea-Quintela de Leirado (sexto tramo, ás 17.15 horas). O final do rally coa chegada a Ourense está previsto ás 19.11 horas, e a entrega de trofeos será ás 22.30 horas na Praza Maior de Ourense.
Todas as entidades e institucións patrocinadoras e colaboradoras coinciden en afirmar que esta proba Ourense-Baixa Limia é, a pesares da súa xuventude, un referente ineludible para os pilotos galegos de rally, pola fermosura dos percorridos e as dificultades técnicas, que fan desta proba un test moi esixente para pilotos, copilotos e mecánica dos coches.
Ningún comentario:
Publicar un comentario