1 de out. de 2009

OURENSE

CAMPAÑA PARA CONCIENCIAR Á POBOACIÓN SOBRE O CONTROL DA DIABETES



Infogauda / Ourense


A Federación Galega de Diabetes presenta en Ourense a guía “Que podo facer?”, con información sobre prevención e tratamento. En Ourense, 30.000 persoas padecen diabetes tipo 2 e a prevalencia é do 6,1%, mentres que a media de Galicia sitúase no 7,9%

Concienciar á poboación sobre a importancia do control da diabetes e divulgar a necesaria prevención ante esta enfermidade é o obxectivo da campaña que a Federación Galega de Diabetes presentou hoxe no Centro Cultural da Deputación de Ourense. A súa presidenta, Ana Parga, acompañada por José Antonio Mato, xefe do Servizo de Endocrinoloxía do CHOU, deron a coñecer a campaña socio-sanitaria “Na diabetes tipo 2, controla”, que elixiu a Ourense como a segunda cidade de España, despois de Tenerife, onde se presenta esta campaña.Dentro da campaña de concienciación e prevención da enfermidade, presentouse a guía “Que podo facer?”, cuxa finalidade é a de informar a pacientes, familias e á sociedade en xeral acerca dos hábitos, tratamentos e recomendacións nutricionais e de exercicio físico que se deben seguir ante esta enfermidade crónica.O doutor Mato afirma que Ourense -onde 30.000 persoas padecen a enfermidade-, a pesar do seu índice de poboación envellecida, rexistra unha prevalencia de diabetes do 6,1%, inferior á media de Galicia, que se sitúa no 7,9%. “O habitual é que a detección da diabetes sexa algo casual, asociada a algunha patoloxía cardíaca, vascular, renal, ou relacionada coa obesidade; de aí a importancia da prevención e dunha detección a tempo”, afirma o médico. Dentro desta campaña de concienciación onte tivo lugar en Ourense a conferencia “Na diabetes tipo 2, controla”, que percorrerá 11 cidades españolas. En España hai máis de 3 millóns de persoas con diabetes e deles, practicamente o 90% sofren diabetes tipo 2, unha enfermidade que leva complicacións asociadas moi graves. Segundo os expertos, estas patoloxías asociadas convertéronse nas principais causas de morte en moitos países, entre eles España, debido ao incremento do risco de enfermidades cardiovasculares. Ademais, a diabetes tipo 2 pode ocasionar tamén lesións nos ollos, nefropatía, neuropatía, vasculopatía periférica e o pé diabético. O doutor Mato explica que a diabetes tipo 2 “é unha enfermidade moi seria”. “Por iso -engade- aínda que os pacientes estean tratados hai que vixialos atentamente a aqueles que non logran un control adecuado dos seus niveis de glicosa, xa que supoñen unha porcentaxe bastante alto. Neste sentido, é necesario un maior coñecemento, das complicacións asociadas e tratamento desta patoloxía”.Pola súa banda, Ana Parga, presidenta de FEDE Galicia, explica que a diabetes tipo 2 “é unha enfermidade traizoeira, é dicir, non doe pero fai dano. Ademais, esta doenza e as súas complicacións son as grandes descoñecidas non só entre a poboación en xeral, senón tamén entre as persoas que padecen esta patoloxía. Por iso, é importante desenvolver actividades e campañas como esta, "Na diabetes tipo 2, controla", que se centren en concienciar á poboación xeral e aos pacientes en DM2 en particular achega a enfermidade e das súas consecuencias”. Tal e como recomendan os médicos, para os enfermos de diabetes tipo 2 é de suma importancia levar unha vida saudable en todos os aspectos e facerse os controis de glucemia aconsellados polo médico. Parga fai fincapé en que “o obxectivo de todas as iniciativas é o paciente, e a súa formación diabetolóxica. Mediante a campaña queremos transmitir a importancia do tratamento e os coidados básicos a través da no rmalización da condición de ter diabetes e dando a coñecer todas as novidades que se van producindo en canto a tecnoloxía médica”.
Para máis información: http://www.fedesp.es/

Ningún comentario:

Publicar un comentario