1 de out. de 2009

OURENSE

AS BICICLETAS TOMARÁN AS RÚAS DE OURENSE O VINDEIRO DOMINGO NA 25 EDICIÓN DO “DÍA DA BICI”



Infogauda / Ourense

25 anos de familias pedaleando. Así podería resumirse a exitosa experiencia que aló polo 1984 naceu coa humildade de calquera comezo da man do Clube Ciclista Ourensano, tendo como impulsores da idea a Ángel Cid e Emilio Fernández, e coa colaboración da Deputación de Ourense. Hoxe esta proba, xa consolidada, é a actividade lúdico-deportiva máis numerosa de cantas se celebran en Ourense. Na pasada edición de 2008 máis de 7.000 persoas partici paron no “Día da Bici”, segundo explicou hoxe Carlos Moure, do Clube Ciclista Ourensano, na presentación da 25 edición, que tivo lugar hoxe no Centro Cultural da Deputación.

Moure dixo que é de xustiza “agradecer a todos cantos colaboraron ao longo deste tempo no mantemento desta festa da bicicleta. É unha xornada reivindicativa, para dicir que nos gustaría que o Día da Bici fose todo o ano”. Pola súa banda, Angel Cid, director do pazo dos deportes “Paco Paz” dixo que para a Deputación de Ourense “é un orgullo que estemos xa na 25 edición, e que esta proba calase fondamente na sociedade, proba delo é que hai xa 7 concellos da provincia que tamén celebran o Día da Bici”.O vindeiro domingo celébrase a 25 edición do “Día da Bici”, na cal hai dúas novidades: por unha banda, modifícase a chegada, que en lugar de ser na Praza Maior será na Alameda; e por outra banda, a Policía Local despregará un operativo especial para evitar que haxa longas paradas nos puntos de reagrupamento, coa finalidade de que o percorrido se faga de maneira máis ou menos continua.O percorrido comezará ás 12 horas na Deputación, seguindo polas rúas Progreso, Baixada a Praza, Dr. Fleming, Ervedelo, Avenida de Portugal, marcelo Macías, Avenida de Zamora, Bonhome, Galicia, Fernández Oxea, Lugo, Progreso, Juan XXIII, Concello, Curros Enríquez, Ponte Nova, Avenida de Marín, Eulogio G. Franqueira, Río Arnoia, Avenida de Santiago, Basilio Álvarez, Ponte do Milenio, Pardo de Cela, Progreso e Alameda.A inscrición pode realizarse ata o vindeiro sábado, día 3, Paseo Centro Comercial, e as recomendacións dos organizadores aos participantes son: revisar previamente a bicicleta, levar zapatillas de ciclista os calzado de sola pouco flexible, camiseta e calcetíns de fío ou lá, e culote ou pantalóns de deporte. A todos os participantes faráselle entrega dun obsequio consistente adhesivos, refrescos, gorra, doces e unha papeleta para un sorteo de bicicletas. A organización lembra que non se trata dunha carreira, senón que é un paseo pola cidade. Por elo recomenda circular con velocidade moderada, respectar a unidade do grupo e manter unha distancia prudencial coas demais bicicletas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario