24 de set. de 2009

OURENSE

DEPUTACIÓN E CAMPUS DE OURENSE CREAN O OBSERVATORIO SOCIO-ECONÓMICO PROVINCIAL PARA FACER ESTUDIOS SECTORIAIS



O obxectivo é dispoñer dun instrumento de análise para coñecer as debilidades e oportunidades da provincia. Vai destinado a todos os axentes socio-económicos: sector público, financiero, tecido asociativo, traballadores e empresarios, para facer estudios económicos de aspectos que poidan ser do seu interés. O Observatorio potenciará a capacidade investigadora do Campus de Ourense e fortalecerá as relacións Deputación-Campus
Infogauda / Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar e o vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Juan Francisco Gálvez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a creación do Observatorio Socio-Económico provincial. Este Observatorio configúrase como unha ferramenta para analizar a realidade económica e social da provincia, e o seu principal obxectivo é dispoñer dun instrumento de análise e apoio á toma de decisións utilizando a capacidade investigadora do campus en beneficio da provincia.O acto de presentación contou ademais coa presencia de José Juan Cerdeira, director da Unidade de Promoción e Desenvolvemento da Deputación de Ourense (UPD), e Elisa Alén, decana da Facultade de Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.Juan Francisco Gálvez dixo que o Observatorio terá coma cometido a realización de informes nos ámbitos socio-económicos que sexan requeridos, os cales serán remitidos aos equipos de investigación do Campus para a súa análise. Temas coma o impacto do turismo na provincia de Ourense, o desenvolvemento da sociedade da información ou estudos sobre o ámbito laboral, serán algúns dos aspectos que abordará o observatorio.Pola súa banda, José Luis Baltar afirmou que esta ferramenta permitirá aos concellos e comarcas da provincia facer estudos socio-económicos, “que poidan servir para refrendar posibles candidaturas para acceder aos diferentes fondos estructurais ou calquera outra convocatoria de financiación pública”.Baltar e Gálvez coincidiron en afirmar que o observatorio que nace froito deste convenio fortalece os vínculos xa existentes de colaboración entre o Campus e a Deputación de Ourense, e supón unha ferramenta de coñecemento que impulsa ao noso Campus e aos nosos investigadores, para propiciar a toda a sociedade ourensá un mellor coñecemento da nosa provincia.O Observatorio porase en marcha en 30 días. Nese tempo crearase unha comisión mixta Deputación-Universidade para avaliar os posibles temas de estudo, e no primeiro trimestre de 2010 presentarase o primeiro informe de coxuntura socio-económica, unha “radiografía” que permitirá coñecer o estado actual dos aspectos máis relevantes da nosa economía social.Os campos de coñecemento analizados serán recollidos estatísticamente, e a súa evolución histórica facilitará un mellor coñecemento da realidade provincial e a súa evolución. José Juan Cerdeira dixo que os “informes de coxuntura” teñen entre outras finalidades ofrecer un mapa de debilidades e oportunidades da provincia de Ourense, que poida ser utilizado para definir liñas de traballo por parte dos axentes socio-económicos da provincia: sector público, financeiro, tecido asociativo, traballadores e empresarios. Cada exercicio rematará cun informe anual que recollerá os informes de coxuntura e unha avaliación dos indicadores de todos os campos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario