23 de set. de 2009

A GUARDA

CENTOS DE ROMEIROS VENERARON A SANTA TREGA, AVOGADA DA CABEZA E DO CORAZON



A imaxe de Santa Trega foi portada por varias devotas da protomártir

Infogauda / A Guarda

Durante a xornada de onte mércores tivo lugar na Guarda, a romaría esperada por todos, a de Santa Trega. A pesar de que moitas persoas traballan noutros municipios da área metropolitana de Vigo, foi celebrada con toda solemnidade, no cume do monte sacro que leva o nome desta santa natural de Iconio. Desde fai uns cantos anos, cada 23 de setembro é un día especial para a maioría dos guardeses. A razón é suficientemente poderosa, porque nesa efeméride, a poboación da Guarda, seguindo a convocatoria da multisecular Irmandade do Clamor, envórcase na celebración de Santa Trega, patroa do antigo Concello da Foz do Miño, que comprendía as sete parroquias que tiña A Guarda e que tra-la segregación do Rosal e constituírse como concello, tres corresponden á Guarda e catro ao Rosal. Desde as primeiras horas da mañá - mesmo antes de abri-lo día - , moitas persoas de toda a comarca do Baixo Miño, especialmente da Guarda e do Rosal, achegáronse ata o santuario dedicado á discípula de S. Pablo, primeira mártir do Cristianismo e avogada da cabeza e do corazón, para rezar e efectuar ofrendas florais nos Vía Crucis e posteriormente asistir ás tres misas rezadas que se celebraron sucesivamente, ás 8, 9 e 10 da mañá. Como é costume, a Eucaristía máis concorrida, seguida por numerosos fieis, ata no exterior da ermida, foi a solemne que deu comezo ás 11 da mañá concelebrada polo P. Jesús Carrero Pérez, da Orde Claretiana, natural de Camposancos e ex- residente en Nueva Jersey (EE.UU.), e o Prior da Irmandade do Clamor, Angel Soliño Fernández, respectivamente. Ademais da presenza dos alcaldes do Rosal e da Guarda, e outras autoridades, en representación das sete parroquias do antigo Concello da Foz do Miño, que eran: Santa María da Guarda, San Lorenzo de Salcidos, Santa Isabel de Camposancos, Santa Mariña do Rosal, San Miguel e San Xoán de Tabagón, e San Bartolomé das Eiras; efectuou a ofrenda oficial a presidenta da Asociación pola Recuperación do Traxe Galego, de A Guarda, María do Carme González.
Ao termo da misa grande, varias mulleres devotas, algunhas delas ata, cos pés descalzos, sacaron en procesión a venerada imaxe de Santa Trega, que acompañada por diversas autoridades civís (alcaldes da Guarda e do Rosal, representación da Entidade Local Menor de Camposancos, membros da Corporación Municipal da Guarda, Confraría de Pescadores Santa Trega,...), e varias decenas de persoas, mesmo nenos e mozos, ataviados con traxes rexionais, provistos das súas respectivas ofrendas en especie; foi portada en andas, ao compás das notas musicais do Grupo de Gaitas Os Pelouros, do Recreo Artístico Guardés.
Partindo do santuario, a procesión pasou por diante do púlpito ao aire libre e despois polo Pico de San Francisco, retornando novamente á ermida. Unha vez recollida a imaxe no santuario, cantáronse as ladaíñas medievais "Deus ouvide a nós. Santa Trega rogai a Deus por nós. Kyrieeleyson. Deus ouvide a nós" e os fieis puideron bicar os relicarios de Santa Trega e do Lignum Crucis. A continuación os nenos que portaron as ofrendas foron agasallados pola Irmandade do Clamor, con bolsas de caramelos.
Seguidamente iniciouse a concurridísima e sempre sorprendente "poxa dos froitos", que presidida polo actual Prior da Irmandade do Clamor, Angel Soliño Fernández, foi seguida por centos de persoas. Peixe "de coiro" curado ao sol, mariscos, froitas, hortalizas - maioritariamente ristras de cebolas, pementos,...- espigas "raíñas", tapetes, licores tradicionais galegos, sobremesas caseiras, tapetes,..., previamente ofrecidos á santa, seguindo a tradición diezmal, para ser pública e rápidamente poxados, nun evento que congregou a moitas persoas diante do púlpito ao aire libre. Nalgúns casos os prezos dos artigos puxados, en preto de 130 lotes, resultaron se non módicos, polo menos moi alcanzables. Houbo lotes de pouco máis de 10 euros e outros que acadaron bastante máis. A recadación destínase á Irmandade do Clamor, entidade eclesial que organiza os diversos actos e xubileos, que ao longo do ano celébranse na ermida do monte Santa Trega.
NÚMERO PREMIADO NO SORTEO
Ao termo da poxa tamén foi sorteada a "Regueifa", ou Tarta de Santa Trega, que adoita levar un grato regalo sorpresa para a persoa afortunada. O número premiado foi ó 989.
ROMARÍA TRADICIONAL
O carácter intimista e familiar desta romaría quedou de manifesto un ano máis, cando pouco despois dos actos litúrxicos iniciouse o "xantar", durante o cal cada familia foi dando conta das viandas preparadas na véspera ou na mesma mañá da romaría, gozando da comida ao aire libre e ata convidando os que se sumaron á celebración de xeito imprevisto. A xente situouse onde estimou convinte, á sombra, no parque forestal de Cháns, nos miradoiros ou no Cancelón.
Tras pasar a maior parte do día no cume do Monte Santa Trega, os romeiros foron baixando co devalar da tarde para tomar posicións no Parque do Cancelón (O Montiño), a disporse para a merecenda-cea e disfroitar de algún baile animado de xeito espontáneo por músicos populares de A Guarda.
Ata fai poucos anos, a festa de Santa Trega, que coincide coas témporas de setembro (que determinarán a climatoloxía dos próximos meses), e neste caso, o martes, día 22, ás 12:47 horas foi o punto equinoccional do outono, rexistrándose unha climatoloxía de auténtico verán; era unha celebración na que participaban, case exclusivamente, mulleres da Marina, pero desde algo máis de dúas décadas, foi incrementándose a participación dos homes, facendo que ese día constitúa unha data de encontro de toda a cidadanía do Baixo Miño, coa devoción a Santa Trega como aglutinante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario